Fondos europeos para construír unha senda peonil en Ponte Caldelas
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra recibe unha subvención de 170.000 euros do Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía (IDAE) para a construción dunha senda peonil na EP-0206, que transcorre polo lugar de Parada, no concello de Ponte Caldelas.
Trátase dun proxecto que ten como obxectivo reducir o consumo de enerxía e as emisións de dióxido de carbono a través do fomento da mobilidade peonil. Os fondos europeos servirán para sufragar o 80 % do orzamento total, que ascende a 212.000 euros.
Esta actuación permitirá a creación dun percorrido seguro para os peóns desde o núcleo urbano do concello ata as vivendas que se atopan no lugar de Parada. A senda contará cun ancho mínimo de 2,5 metros e cumprirá cos requisitos de accesibilidade para que todas as persoas poidan facer uso dela. O proxecto inclúe tamén traballos de demolición, movemento de terras, drenaxe, sinalización e mellora da iluminación pública.
REXEITAMENTO AO PARQUE EÓLICO DA RULA
O Concello de Ponte Caldelas emitiu este luns o segundo informe desfavorable á liña de evacuación do parque eólico da Rula, que se situará en Cerdedo-Cotobade, pero inclúe unha liña de alta tensión polo municipio caldelano. A técnica municipal de Medio Ambiente basea o rexeitamento a esta liña eléctrica en trece puntos relacionados coa perda de calidade de vida, desvalorización dos terreos e impacto ambiental.