O Goberno agarda que as novas bonificacións na AP-9 sexan efectivas esta semana
Por Redacción
Raquel Sánchez, ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, explicou este luns na Coruña o novo esquema de bonificacións na autoestrada AP-9 anunciándoo como a "maior rebaixa da historia".
Destacou durante esta presentación que se tratada dunha infraestrutura básica para a cohesión social en Galicia e un eixo vertebrador da economía e mobilidade dos galegos unindo cinco das sete cidades máis importantes da comunidade.
O Decreto, segundo a ministra, modifica os termos da concesión da AP-9 para bonificar as peaxes que os vehículos, tanto lixeiros como pesados teñen que pagar polo uso da autoestrada "como consecuencia dun historial de decisións que colocaba sobre os usuarios galegos unha hipoteca crecente ata o 2048". Os descontos cubriranse con cargo aos Orzamentos Xerais do Estado destinando cada ano ao redor de 55 millóns de euros para bonificar a AP-9 e 2.300 millóns de euros ata finalizar o prazo da concesión, aos que se suma o importe das bonificacións xa vixentes, explicou Sánchez.
Este Real Decreto introduce novas bonificacións e descontos con ampliación a todos os días da semana e a toda a autoestrada as medidas que xa están vixentes nalgúns tramos. A ministra agarda que poidan aplicarse esta mesma semana.
VEHÍCULOS LIXEIROS
Para vehículos lixeiros serán gratis todos os traxectos de volta ao momento de orixe co dispositivo de telepeaxe, que usa un importante número de usuarios, sempre que se realicen nun prazo máximo de 24 horas. Esta bonificación aplicarase todos os días da semana, incluíndo domingos e festivos, coa condición de que o percorrido de volta sexa o mesmo que o de ida.
Bonificación adicional do 50% do percorrido de ida para usuarios que realicen nun prazo máximo de 24 horas dous percorridos iguais, co mesmo punto de orixe e de destino, e de sentido contrario dentro do tramo Puxeiros (Vigo) - Tui e viceversa, tanto en días laborables como en festivos.
Segundo o exemplo que utiliza o Goberno, un usuario residente en Tui que vaia e volva a Vigo en 24 horas pagará polo traxecto de ida e volta 1,4 euros, aforrándose 4,2 euros. O prezo da peaxe entre Vigo e Tui está establecido en 2,8 euros.
Tamén se aprobará a gratuidade do acceso desde Redondela en dirección a Vigo (orixe/destino Rande-Vigo), sempre que se realice o traxecto de ida e volta no prazo de 24 horas. Tamén a ministra utiliza o exemplo da persoa que vaia e volva todos os días da semana polo tramo Rande e Vigo, que pasará de pagar 34 euros ao mes a que lle salga gratis o traxecto. Actualmente o percorrido custa un euro na peaxe.
Rebáixase o 20% do importe pago en todos os percorridos realizados nun mes, a contar desde o percorrido inicial, para aqueles vehículos que realicen máis de 20 viaxes no devandito período. Contabilizarase como un desprazamento o conxunto de percorridos realizados nun mesmo día e nun mesmo sentido de circulación. Non se inclúen os desprazamentos efectuados polos tramos libres de peaxe ou con bonificacións e como máximo contaranse dous desprazamentos ao día, un por cada sentido de circulación. Ao final do mes, Audasa realizará un abono polo importe correspondente ao 20% de todos os desprazamentos realizados durante ese mes coa telepeaxe.
As bonificacións e descontos aplicaranse aos vehículos lixeiros que utilicen a telepeaxe como medio para o pago. Audasa só cargará a peaxe da viaxe de ida e os usuarios rexistrarán o aforro cada 24 horas, segundo o Goberno central.
VÉHÍCULOS PESADOS
Realizarase un desconto do 20% do importe da peaxe en todos os percorridos de vehículos pesados.
Será gratis tamén o acceso desde Redondela no tramo ata Vigo (orixe/destino Rande-Vigo), incluíndo tamén o acceso ao porto de Vigo.
Un camión que cubra o roteiro entre A Coruña e Vigo catro veces á semana aforrarase 234,5 euros en peaxes ao mes co desconto do 20% en cada percorrido. A peaxe dos 32 desprazamentos mensuais ten un prezo de 1.172,8 euros. Coa aplicación da rebaixa redúcese a 938,2 euros.
As aplicacións a estes vehículos pesados realizaranse sen condicións, dispoñibles todos os días da semana e a través de calquera sistema de pago de peaxe. O desconto realizarase de forma automática no momento do pago na cabina de peaxe e redondéase aos 0 ou 5 céntimos.
MEDIAS
Segundo os datos facilitados polo Goberno, a AP-9 rexistrou en 2019 unha media de 240.471 viaxes diarias, dos que o 49% pagaron peaxes, desta cifra o 48% realizáronse en ida e volta no prazo de 24 horas abonando o percorrido con tarxeta de crédito ou con telepeaxe.
Os vehículos pesados realizan 7,5 millóns de tránsitos por esta vía ao ano, dos que o 54% rexistran unha rebaixa do 20% da peaxe por primeira vez na historia da AP-9, segundo a ministra, mentres que o resto xa son ou serán gratuítos.
Ademais, segundo o Goberno, para evitar subidas extraordinarias de tarifas, asociadas ás bonificacións de peaxe vixentes entre Pontevedra e Vigo, como as que se producían en 2018,2019 e 2020, e reducir o importe dos intereses anuais, que a partir de 2023 superarán ás achegas, o Goberno afirma que sacará a compensación destas bonificacións da conta de compensación para pagalas con cargo aos Orzamentos Xerais do Estado.
O Goberno reservará 2.300 millóns de euros para abonar as bonificacións ata 2048, desa cantidade unha parte poderase destinar a reducir a conta de compensación para evitar alzas extraordinarias dos prezos, segundo a ministra de Trnasportes. Raquel Sánchez afirma que co novo Real Decreto, o Estado pagará máis dun terzo das peaxes actuais da autoestrada e 15 millóns de percorridos eliminarán ou reducirán a peaxe.
Relacionadas:
-
Inician unha campaña para reclamar a gratuidade da AP-9 ao Goberno de Pedro Sánchez
Por Redacción |
-
A Comisión Europea considera ilegal a prórroga da concesión a Audasa da AP-9
Por Oskar Viéitez |
-
Activan as bonificacións da AP-9: desde mañá, a volta será gratis para vehículos lixeiros con telepeaxe
Por Redacción |
-
Rueda lamenta que as bonificacións nas peaxes da AP-9 non atendan as demandas dos transportistas
Por Redacción |
-
O Goberno autoriza a senda de gasto que permitirá as bonificacións de peaxes na AP-9 ata 2048
Por Natalia Puga |
-
Pilar Rojo cre que o PSOE está en contra de que a autoestrada AP-9 sexa galega
Por Oskar Viéitez |
-
Ábalos anuncia unha rebaixa dun 20% para vehículos pesados na peaxe da AP-9
Por Oskar Viéitez |