Campo Lameiro reabrirá a súa piscina municipal ata o 12 de setembro
Por Redacción
A partir deste luns 26 de xullo, a veciñanza de Campo Lameiro poderá usar a piscina municipal. As instalacións estarán abertas ata o 12 de setembro, en horario de 16:00 a 20:30 horas.
O aforo estará limitado, debido ás restricións sanitarias, para reducir todo o posible o risco de contaxios e os usuarios deberán cumprir as normas marcadas polas autoridades.
Así, será obrigatorio o uso de máscara, excepto no momento do baño ou mentres se permaneza nun espazo determinado sen desprazarse, e sempre e cando se poida manter a distancia interpersoal mínima de 1,5 metros.
No momento do acceso ás instalacións os usuarios deberán aportar os seus datos persoais co fin de posibilitar a comunicación por parte do Concello e das autoridades sanitarias de calquera incidencia relacionada coa situación epidemiolóxica.
Os aseos estarán abertos e realizaranse tres limpezas e desinfeccións diarias. Os grupos nas zonas de repouso terán un límite máximo de 10 persoas.
Haberá dous socorristas e, en todo momento, haberá persoal identificado para explicar os protocolos e vixiar que se cumpran por parte dos bañistas.
A reapertura de piscina municipal chega despois das críticas realizadas pola oposición e por numerosos veciños, que denunciaban que, mentres o resto dos concellos da comarca retomaran este servizo, en Campo Lameiro as instalacións seguían pechadas.
Desde PorVir lamentaron o desleixo do Concello coa piscina, que provocou que ata o de agora os veciños non puideran gozar dela, pola falta de previsión á hora contratar as obras de mellora e cubrir os postos de traballo requiridos para a súa apertura.