A área recreativa do Castro estrea asadores que estarán operativos todo o ano
Por Redacción
Dezaseis grellas cubertas forman parte dos asadores que acaba de estrear a área recreativa do Castro, en Poio. A instalación, impulsada pola comunidade de montes de San Xoán, foi autorizada por Medio Rural e estará operativa durante todo o ano.
Os asadores, que xa están a disposición da veciñanza, só estarán pechados cando o índice de risco de incendio forestal avaliado diariamente polas autoridades sexa extremo.
O proxecto foi financiado con fondos da propia comunidade de montes, coa axuda da empresa Ence. Con esta iniciativa complétase a mellora desta área recreativa no Monte Castrove.
A construción dos asadores converte O Castrove, segundo o presidente dos comuneiros, José Rodríguez Couselo, nun dos poucos lugares en toda a provincia con instalacións autorizadas e seguras para facer comidas no monte.
De cara ao verán, xunto coa instalación das grellas, a comunidade de montes acometeu tarefas de limpeza e acondicionamento da área recreativa, para poder dinamizala entre a cidadanía.
A comunidade de montes de San Xoán de Poio vén traballando desde hai tempo na conservación, xestión e posta en valor do monte veciñal.
Así, en colaboración coas institucións e o tecido asociativo do municipio, nos últimos anos celebráronse numerosoe eventos deportivos ou mantivéronse espazos naturais como o Bosque de Colón, miradoiros e a propia área recreativa do Castro.