Colectivos de Salcedo piden a apertura da 'Casa Verde' para reactivar a programación cultural
Por Redacción
Colectivos como a Asociación Músico-Cultural San Martiño, a Comunidade de Montes de Salcedo, a Asociación de Veciños Heroes do Campo da Porta, a Asociación Cultural Casa Verde e tamén a ANPA Bolboreta do CEIP Cabanas de Salcedo enviaron un escrito, días atrás, ao Concello de Pontevedra para solicitar a reapertura da Casa Verde de Salcedo co obxectivo de realizar actividades socioculturais para a veciñanza da parroquia.
Estas asociacións mostran a súa preocupación pola falta de resposta por parte do concelleiro responsable da área, Alberto Oubiña, e do grupo de goberno municipal. Entenden que se produce unha situación "inusual e anómala" ante o peche deste centro creado para fomentar o dinamismo cultural da parroquia.
Indican que a Coral e a Banda Xuvenil e a Banda de Música de Salcedo tampouco poden ensaiar nas instalacións co consecuente prexuízo que se causa á mocidade que forma parte desta agrupación musical para recibir a formación adecuada e cumprir os compromisos e actuacións musicais que se desenvolven no verán.
Lembran que levan máis de ano e medio sen que se celebren na Casa Verde actuacións teatrais, conferencias ou concertos. Demandan unha volta á "nova normalidade" neste espazo.
Os representantes das asociacións de Salcedo solicitan tamén ao Concello a convocatoria dunha reunión do Consello Parroquial coa presenza dun representante da administración local como o alcalde para abrir unha vía de diálogo que contribúa a canalizar as demandas destes colectivos veciñais, culturais e deportivos da parroquia pontevedresa.