Fomento e as contratas do AVE asumirán o arranxo dos estragos causados polas obras
Por Alejandro Espiño
O Ministerio de Fomento e o Concello de Pontevedra recuperaron a cordialidade. Logo da ameaza municipal de paralizar as obras do Tren de Alta Velocidade polos estragos que están causando estes traballos, as augas volveron á súa canle. Fixérono tras unha xuntanza de urxencia celebrada na Subdelegación do Goberno, un encontro que se repetirá mensualmente para que non se repitan estas disfuncións.
Así o anunciou ao remate deste encontro o secretario xeral de Infraestructuras do Ministerio de Fomento, Manuel Niño. Tras destacar a "voluntad conjunta" de resolver todos os problemas detectados, un total de 26, explicou que non se trata de asuntos "graves o importantes" e que se adoitan producir "en este tipo de obras que son tan complejas y con tanta afección sobre el terreno".
Segundo Manuel Niño, os danos serán asumidos polas contratas destes traballos, por exemplo nos casos de renovacións de pavimento esnaquizado polo tráfico de obra ou polo Ministerio de Fomento noutros pequenos casos como a falta de iluminación nalgunhas destas zonas. Espera que, de cara á próxima reunión prevista para novembro, "gran parte de estos problemas ya estén resueltos".
En todo caso, o secretario xeral de Infraestructuras recordou que este tipo de obras "suelen causar daños y molestias", polo que pediu aos veciños e afectados certa "comprensión" ata que finalicen estas obras. Aínda que recoñeceu que "no hay una estimación" sobre a data na que estarán solucionados estas deficiencias, si marcou un prazo para a conclusión das obras do AVE, "finales de año o principios de 2014".
Nesta reunión, á que asistiron entre outros o subdelegado do Goberno, Antonio Coello, e o subdirector xeral de Construción da Dirección Xeral de Ferrocarrís, Javier Gallego, tamén estaba presente o concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, quen cualificou de "positivo" este encontro. Afirmou que houbo unha "disfunción clara", pero ratificou que "podemos dar por acabado este episodio".
Neste sentido, desvelou que xa este xoves "houbo movimentos" entre as contratas para comezar a solucionar os estragos detectados e celebrou que Fomento e o Concello de Pontevedra "volvemos á situación anterior de colaboración".
Relacionadas:
-
Ana Pastor destaca o avance das obras do Eixo Atlántico de Alta Velocidade
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Boa disposición en Fomento para converter a vella ponte do tren sobre o Lérez nunha senda peonil
Por Alejandro Espiño |
-
Resolta a reparación dos danos causados polo AVE, o Concello aborda con Fomento o futuro das pontes en desuso
Por Oskar Viéitez |
-
As obras do AVE obrigan a cortar un carril de circulación na Seca
Por Redacción |
-
Fomento e Concello de Pontevedra axeitarán o Nó do Pino
Por Oskar Viéitez |
-
Fomento convoca unha reunión de urxencia para resolver os problemas das obras do AVE
Por Redacción |
-
O Concello advirte a Fomento que paralizará as obras do AVE se non se reparan os danos causados
Por Oskar Viéitez |