Ornela Fernández (BNG) renuncia á súa acta de concelleira tras 14 anos no cargo
Por Redacción
O BNG terá que buscar un novo voceiro ou voceira en Vilaboa. A actual responsable do seu grupo municipal, Ornela Fernández, vén de anunciar a súa retirada da primeira fila da política e da vida institucional, tras catorce anos como concelleira no municipio.
A súa renuncia, que foi rexistrada este xoves, farase efectiva no pleno municipal que Vilaboa celebrará o próximo venres 30 de xullo.
Nunha emotiva carta, Ornela Fernández explica os motivos que a levaron a tomar esta decisión, asegurando que despois de todo este traballo no Concello "é tempo de deixar paso a novas compañeiras, que teñen ilusión, ganas e unha gran capacidade de traballo".
Dentro de este proceso de "renovación natural", engade a voceira do BNG, "marcho coa confianza e a tranquilidade" de que a persoa que a vai a substituír, Teresa Carro, "vai seguir traballando igual ou máis e mellor ca min" e que o grupo do BNG seguirá "unido".
Ao longo da súa misiva, Fernández ten un recordo especial para o ex alcalde Xabier Míguez, "que será sempre o meu referente" como exemplo de "honestidade, humildade, respecto, capacidade de traballo e transparencia".
Durante estes catorce anos, primeiro na oposición e desde o 2011 no goberno municipal, Ornela Fernández asegura que "defendín as miñas propostas con toda a paixón da que son capaz, pretendín manter un bo ambiente coas propias e coas adversarias e gocei de cada momento de contacto coas veciñas e veciños deste municipio".
"Sempre entendín a política para servir á cidadanía, representala e ver de que maneira poder sacar os seus proxectos adiante na medida do posible, polo que espero que saibades perdoar os erros que puidese cometer neste tempo", engade a política do BNG.
A partir de agora, explica, centrarase na súa vida laboral e persoal, así como en novos proxectos que quere impulsar. Iso si, sen abandonar o BNG, ao que "espero seguir achegando as ideas, experiencia, axuda e colaboración para que Vilaboa sexa cada día mellor".