O comité de empresa de ENCE forza unha entrevista coa subdelegada co obxectivo de poñer data á mesa de diálogo
Por Anxo Lourido
Ao redor de 80 traballadores da fábrica de Ence en Pontevedra acudían convocados polo comité de empresa este xoves á Subdelegación do Goberno, acompañados polos secretarios comarcais de CIG, Marcos Conde, e de UXT, Ramón Vidal.
A intención da convocatoria estaba clara, lograr unha reunión coa subdelegada do Goberno, Maica Larriba. A representante gobernamental non se atopaba no edificio, segundo informaron axentes da Policía Nacional aos representantes sindicais nun momento de tensión que se viviu ás portas da Subdelegación cando se limitaba o acceso a dúas persoas e os sindicatos reclamaban a presenza de tres integrantes do comité, de CIG, UXT e CC.OO.
Finalmente, entraron os tres e mantiveron un encontro coa secretaria da Subdelegación.
Desta reunión obtiveron unha cita para o vindeiro martes 27 coa subdelegada do Goberno na que esperan concretar un novo encontro da mesa de diálogo liderada pola ministra de Transición Ecolóxica na que se decida o futuro de Ence e poidan activar os "mecanismos necesarios" para evitar a perda de emprego na factoría despois da sentenza da Audiencia Nacional, que anulou a prórroga para que a fábrica permaneza en Lourizán.
"Non nos vale o peche. Nós queremos garantías de futuro e queremos que se convoque esa mesa xa", indicaba Pablo Bacariza, secretario do comité de empresa da fábrica, que mostraba a súa preocupación tras as declaracións de Francisco Conde, vicepresidente económico da Xunta, ao falar dun posible Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (Perte) e ao comezar a xerarse comentarios sobre a intención da empresa pasteira de investir en Navia.
"A responsabilidade é dos políticos e da empresa, que nos meteron nisto. Nós somos traballadores e queremos que a mesa se poña a funcionar. Non podemos deixar todo na vía xudicial", indicaba Bacariza lembrando que este mediodía manteñen un encontro co conselleiro delegado de Ence para coñecer cales son os plans de fronte ao futuro.
Ata o momento a empresa só transmitiu ao comité a súa confianza no recurso de casación que se presente ante o Tribunal Supremo. Pero esa vía é insuficiente para o colectivo de traballadores, que no caso de que a factoría de Lourizán peche non ten esperanzas de recalar en Navia.
"Non creo que nos leven a Navia. Van quitar os de Navia para levarnos a nós alí? Se amplían, canto amplían? cantos postos? Non nos levan. O empresario non está dicindo isto", sinala o representante da CIG.
"Nós somos de Pontevedra, non queremos que marche a Portugal, a Brasil ou Ás Pontes. Non sei onde ten que marchar. Eu non podo poñer o sitio. Eu o que quero é traballar. A xente toda é de Pontevedra e queremos que quede en Pontevedra. Non queremos que se vaia, que se deslocalice", imploraba Bacariza ante o temor dunha marcha inminente.
O luns está previsto que se desenvolva unha asemblea con todo o persoal da fábrica. Alí trasladasen a información que facilite a dirección de Ence e tamén a postura dos avogados do comité, que tamén ven viabilidade ao recurso. Tamén teñen previsto solicitar unha reunión con representantes da Xunta en próximas datas.
Relacionadas:
-
Protesta de traballadores de ENCE polas rúas de Pontevedra demandando a mesa de diálogo
Por Redacción & Cristina Saiz | Creada e actualizada
-
Carmela Silva pide ao Goberno central, Xunta e ENCE que senten a dialogar para "manter os postos de traballo"
Por Anxo Lourido |
-
Greenpeace: "O que urxe agora é que Ence sexa por fin realista e comece a planificar o seu peche en Lourizán de inmediato"
Por Redacción |
-
Colmenares advirte ao comité de ENCE que pechará se o recurso non prospera: "Non hai outra localización"
Por Anxo Lourido |
-
Convocan unha concentración este xoves ante a Subdelegación para demandar máis reunións da mesa de diálogo de ENCE
Por Anxo Lourido & Cristina Saiz |
-
García Pedrosa, de CC.OO.: "A sentenza de Ence é un monumento á falta de independencia do poder xudicial neste país"
Por Anxo Lourido |
-
ENCE afunde na bolsa tras a sentenza que anula a prórroga da súa fábrica en Pontevedra
Por Redacción |
-
O comité de empresa da fábrica de ENCE apura as vías de negociación para evitar un peche inminente
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |