50.000 euros en axudas para crear postos de traballo en empresas das comarcas do Salnés e Caldas
Por Redacción
Coa intención de fomentar a contratación de traballadores por conta allea, o goberno local de Vilagarcía de Arousa aprobou unha nova edición da convocatoria de axudas por un montante total de 50.000 euros.
As empresas que opten poden estar situadas nas comarcas do Salnés ou de Caldas, pero deberán cumprir coa condición de que a persoa contratada teña residencia en Vilagarcía de Arousa, cun tempo mínimo dun ano empadroado no municipio.
Os contratos que se subvencionarán terán que ser a tempo completo en calquera das modalidades contractuais vixentes, cunha duración mínima de seis meses. Estes contratos deberán formalizarse entre o 1 de decembro de 2020 e o 30 de setembro de 2021. Cada empresa poderá a unha subvención que oscila entre os 500 e os 3.000 euros e o máximo de contratacións será de tres persoas.
Non poderán participar nesta convocatoria aquelas empresas acollidas a plans de reconversión, nin aquelas que non se atopen ao corrente coas obrigacións coa Seguridade Social ou con Facenda, tanto na delegación estatal como autonómica, nin co Concello de Vilagarcía. Tampouco poderán aspirar aquelas entidades sancionadas por vulnerar os dereitos laborais ou de seguridade das persoas empregadas.
As solicitudes poderán presentarse unha vez que se publiquen as bases no boletín oficial da provincia (BOPP). O goberno local espera que o prazo se abra a última semana de xullo e permanecerá aberto ata o 15 de outubro.
Actualmente tamén está aberta a convocatoria para o emprendemento e a creación de novos negocios, por importe de 42.000 euros. As solicitudes pódense realizar ata o 30 de setembro ou ata o 31 de outubro, segundo a apertura do negocio. As bases publicáronse este luns 19 no BOPP.