Usuarios do Centro Ocupacional do Saiar melloran os xardíns da residencia de Caldas
Por Redacción
Durante os últimos días, os xardíns do centro residencial da terceira idade Nosa Señora da Asunción de Caldas de Reis experimentan un cambio grazas á intervención dos usuarios do Centro Ocupacional do Saiar, que colabora co Concello de Caldas nestas actuacións.
Con esta iniciativa preténdese reforzar a autonomía e a inclusión laboral dos usuarios deste centro de titularidade autonómica que presta atención a ao redor de corenta persoas con algunha discapacidade intelectual.
Os participantes renovaron a cuberta floral e as plantas da superficie axardinada, ademais de acondicionar o espazo de maneira xeral. As persoas con discapacidade cognitiva atopan, ademais, un método de terapia e rehabilitación con este tipo de actividade, axudando a controlar a ansiedade e a mellorar a motricidade e a autoestima.
A intervención forma parte do programa Vilas en Flor no que participa o Concello coa vista posta na mellora dos espazos verdes urbanos.
Nesta liña, de maneira paralela, o alumnado-traballador do taller de emprego Os camiños do Camiño tamén realizan tarefas de xardinería noutros xardíns e zonas verde do centro urbano, ademais de renovando a flor dos testos situados en diversas rúas.