Condenan o empresario xulgado por agredir ao voceiro do BNG en Caldas
Por Natalia Puga
O empresario de Caldas Juan José C.I. deberá pagar unha multa de 270 euros (45 días a razón de seis euros diarios) por agredir a Manuel Fariña, portavoz do BNG na localidade, nun monte de Saiar en marzo de 2020.
O Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Caldas de Reis acaba de ditar sentencia condenatoria na que o considera autor dun delito leve de lesións e lle impón tamén a obriga de indemnizar a Manuel Fariña con 985 euros.
O xuíz Marcos Díaz Peteiro considera probado que o 5 de marzo de 2020, sobre as 11.40 horas, o agora condenado pediulle a Manuel Fariña que o acompañara a unha parcela forestal en Cardín sobre a que o nacionalista denunciara previamente a existencia duns vertidos.
Unha vez que chegaron alí, e tras unha discusión, o condenado dirixiulle o puño á cara, o que provocou que caira e se lesionara. Unha vez no chan, Manuel Fariña dirixiuse cara ao seu agresor e díxolle "paréceche esta a forma de amañar as cousas?".
O xuíz mantén que o acusado lle respondeu"te doy una y te doy veinte, porque las mereces y porque tengo huevos para dártelas y porque eres un hijo de puta" e tamén que actuou "con ánimo de atentar contra a integridade física" de Manuel Fariña.
Como consecuencia da agresión, Manuel Fariña sufriu lesións consistentes en contusión no nocello esquerdo e contusión na queixada e na nádega esquerda e tardou 21 días en curar.
O BNG está na causa como acusación particular e pedira a suspensión do xuízo por considerar que os feitos non poderían ser constitutivos, en abstracto, dun delito leve de lesións; senón dun delito de atentado á autoridade pola condición de concelleiro da vítima, pero o xuíz desbotou esta posibilidade.
O xuíz sostén na sentencia a agresión produciuse ao marxe da actividade propia do concelleiro. "Non se atopaba nunha visita pública nin exercía a súa condición como tal durante esta ningún tipo de acto público nin semellante. Tampouco se atopaba exercendo unha función pública encomendada ou en representación da corporación municipal", sostén o documento.
"Non toda actuación na que interveña un político se atopa especialmente protexida mediante a ameaza do dereito penal", recolle o xuíz, que engade que "os políticos ao igual que calquera funcionario público ou autoridade non se merecen unha especial protección polo mero feito de ser funcionarios; senón polo feito de estar exercendo funcións públicas. O que se protexe son as funcións, e de forma instrumental á persoa que as exerce".
O acusado negaba os feitos, sinalando en ningún momento agredira ao denunciante e que este se mancara ao esvarar e caer. O xuíz deu a razón a Fariña porque existe como proba unha gravación realizada co teléfono móbil na que se escoitan dúas voces moi semellantes ás do denunciante e denunciado que discuten primeiro nun ton normal, pero que despois se vai elevando ata que o denunciado insulta ao denunciante. A continuación escóitase algún tipo de golpe contra o chan ou semellante.
Segundo a interpretación do xuíz, polo ruído así como polo ton da conversa, parece que o denunciado empurra ou golpea de algún modo ao denunciante. Así mesmo, tamén se escoitan as expresións referidas nos feitos probados, o que invita a pensar que o denunciado empurrou efectivamente ao denunciante.
Relacionadas:
-
A Audiencia confirma a condena ao empresario que agrediu o portavoz do BNG de Caldas
Por Natalia Puga |
-
O BNG anuncia que recorrerá a sentencia pola agresión Manuel Fariña porque se xulgou como delito leve
Por Redacción |
-
O empresario acusado de agredir o voceiro do BNG en Caldas, a xuízo
Por Redacción |
-
Un concelleiro do BNG en Caldas, agredido por un empresario tras denunciar verteduras ilegais
Por Natalia Puga | Creada e actualizada