Asinado o acordo para a reforma do centro de saúde de Campo Lameiro
Por Redacción
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde de Campo Lameiro, Carlos Costa Domínguez, asinaron este martes 20 de xullo un convenio no que se establecen as bases para o financiamento das obras de reforma do centro de saúde da localidade.
No acto, estiveron acompañados pola directora Xeral de Recursos Económicos do Sergas, María Jesús Piñeiro Bello, e polo xerente da Área Sanitaria de Pontevedra e Salnés, José Ramón Gómez Fernández.
O investimento neste proxecto de mellora ascende a 94.812 euros, partida económica que será cofinanciada a partes iguais polo Sergas e o concello de Campo Lameiro.
O conselleiro de Sanidade agradeceu a boa disposición do alcalde para poder asinar este acordo, con tempo suficiente para que se poida licitar a obra e executarse en prazo, con finalización prevista para o ano próximo.
As obras, tras o informe dos técnicos do Sergas que visitaron o centro, consistirán na renovación das cubertas e do soportal do edificio, incluíndo canles, baixantes e illamento térmico, así como da construción dun novo soportal cuberto no lateral dereito do edificio para o acceso dos pacientes desde a ambulancia.
Modificarase tamén a rampla de acceso para cumprir cos requisitos legais de accesibilidade, crearase unha sala covid e ampliarase e renovarase a porta da sala de Urxencias. A actuación tamén contempla a renovación da pintura interior, azulexos, instalación eléctrica e radiadores, e a substitución da carpintería exterior por outra con rotura de ponte térmico e dobre acristalamento.