Domínguez censura os "privilegios" dos concelleiros e o goberno municipal táchao de "mentiroso"
Os presuntos privilexios dos que se benefician, segundo o Partido Popular, os concelleiros do BNG e do PSdeG-PSOE, monopolizaron case todo o debate do pleno municipal celebrado este luns nun Teatro Principal 'blindado' pola policía, ante a posibilidade -que non se cumpriu- de protestas dos traballadores Ence tras a sentenza da Audiencia Nacional.
Na súa intervención, Rafa Domínguez esixiu poñer fin a "privilegios autoasignados" que, segundo o portavoz do PP, "no tienen sentido" e supoñen "alejar" aos políticos da cidadanía.
A este respecto, censurou que os concelleiros do grupo de goberno "no pasen por taquilla" e accedan a entradas gratis para eventos culturais aos que van "por disfrute persoal" e non como representación institucional da cidade.
Ademais, Domínguez criticou que "en una ciudad en la que es complicadísimo aparcar" os edís conten con tarxetas "gratuítas" de aparcamento "que pagamos todos los pontevedreses" e instou ao Concello a "alquilar o vender" ditas prazas a terceiros.
O terceiro punto da moción do PP centrábase no gasto "absolutamente excesivo" que supoñerá a compra dun novo coche oficial para a Alcaldía, ao entender que o alcalde dunha cidade como Pontevedra "no necesita coche oficial ni chofer".
Os case 75.000 euros consignados para o novo vehículo, segundo Domínguez, "es demasiado dinero para pasear al alcalde", e pediu que, no caso de ter que desprazarse, o faga no seu coche privado, pasando as dietas correspondentes, ou que viaxe en transporte público.
Os populares quedaron sós na defensa desta iniciativa, xa que o edil non adscrito Goyo Revenga abstívose e nacionalistas e socialistas votaron en contra, entre críticas ás "mentiras" do portavoz municipal do PP.
Tino Fernández, que retou a Domínguez a facer público o nome dos concelleiros que gozan de entradas gratis, asegurou que o PP "minte" e engadiu que lle parece un "bochorno" e unha "insensatez política" traer ao pleno unha moción destas características.
"É para botarse a rir", segundo o portavoz do PSOE, que instou ao PP para "dar exemplo" e que a Xunta tampouco empregue coches oficiais, que "pague" as entradas dos eventos aos que asisten ou que os populares renuncien ao seu soldo municipal para reducir "gastos superfluos".
Desde as filas do BNG, César Mosquera insistiu que é "radicalmente falso" que os concelleiros teñan entradas á súa disposición para eventos culturais e afirmou que as prazas de aparcamento son "gratuítas" e non teñen custo para as arcas municipais.
"Moito mal fixeron as mareas e é peor cando o PP copia ese tipo de política", sinalou Mosquera, que subliñou que comprende o "odio fervil" dos populares ao Concello "pero chegar ao extremo de dicir que o alcalde faga autostop ou viaxe en Uber roza o delirio".
Se hai un Concello "austero", concluíu o edil do BNG, "é o de Pontevedra".