Veciños de Mourente presentan alegacións ao novo vial de acceso ao Gran Montecelo
Por María José Pita
Un grupo de veciños do lugar de Moldes, na parroquia de Mourente, presentaba este venres 16 por rexistro no Concello de Pontevedra as alegacións ao vial que completará o proxecto do Gran Montecelo.
Estes veciños posúen terreos afectados pola ampliación do Novo vial de ampliación do Hospital Gran Montecelo, de clave PO/21/078.01, tal e como se recolle na denominación oficial, e para os que a Xunta de Galicia fai unha valoración na expropiación forzosa que os afectados consideran insuficiente.
Demandan ademais transparencia nas actuacións, xa que en tres días finaliza o prazo de exposición pública do proxecto, o luns 19 de xullo, e atópanse co inconveniente de que só é posible consultalo vía online, unha situación que se fai complicada para os veciños de maior idade.
O presidente da Asociacion de Veciños de Moldes-Mourente, Eulogio Sartier, asumiu a representación dos afectados, e no seu nome presentáronse as sinaturas e o escrito correspondente solicitando a consulta e explicación por parte da Axencia Galega de Infraestruturas deste proxecto, así como a intercesión do Concello de Pontevedra.
"O que non sabemos é por exemplo o muro de contención das terras, se vai haber muro ou terraplenes, porque vai quedar a carretera elevada sobre os terreos; en algúns sitios vai quedar tendido subterráneo e noutros aéreo, non entendemos por que non vai todo subterráneo como di a norma; non sabemos se se vai aproveitar ou non para meter a tubería da auga e alcantarillado, que é o que debería facerse; non sabemos como van quedar os terreos á man dereita de Príncipe Felipe, porque hai catro rotondas e non sabemos por onde van salir as carreteras, e a última rotonda parécenos unha aberración porque vai saír onde o grupo de intervención inmediata da Garda Civil; e o máis preocupante de todo, que se prevé facer un aparcamento subterráneo de catro alturas na parte baixa que vai saír nunha finca privada...".
Son cuestións que nos enumera Eulogio Sartier e que están recollidas no escrito presentado. Cinco páxinas nas que piden que se aclare aos veciños todos os detalles dunha obra que temen comezará sen que saiban en que medida lles afectará ás súas propiedades.
A única información que recibiron é a que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 7 de xuño pasado coa relación de bens, dereitos e propietarios afectados pola expropiación forzosa, "que a Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Infraestruturas valorou nun total de 400.000 euros", cifra insuficiente para os veciños de Moldes-Mourente porque non se ten "en consideración los distintos tipos de suelos para valorar el precio final de los mismos", segundo se expón no texto do escrito presentado este venres.
Relacionadas:
-
Veciños afectados polo novo vial a Montecelo reclaman reunións cos tres grupos municipais
Por Redacción |
-
Afectados polo novo vial de Montecelo: "Están a colocar as lastras para as beirarrúas e só hai rebaixe nos dous accesos ás casas"
Por Diego Espiño |
-
As expropiacións para o novo vial de Montecelo custarán 385.000 euros
Por Alejandro Espiño |
-
O pleno provincial aborda a recuperación ambiental da Xunqueira de Alba e o acceso ao Hospital Montecelo
Por Oskar Viéitez |
-
Veciños de Mourente reclaman o arranxo urxente das beirarrúas de acceso a Montecelo
Por Cristina Saiz & María José Pita |
-
O novo vial de acceso ao Gran Montecelo obrigará a expropiar 85 terreos
Por Redacción |
-
O vial perimetral para o Gran Montecelo custará 1,4 millóns de euros
Por Alejandro Espiño |
-
"Día cero" para un Gran Montecelo que fixa o seu horizonte "entre finais de 2023 e principios de 2024"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
As obras do Gran Montecelo comezarán este luns 3 de maio
Por Oskar Viéitez |