Mosquera, na 'zona 30' da política
Por Natalia Puga
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, cumprirá este sábado 30 anos como deputado na institución provincial polo BNG e, para celebralo, este venres déronlle unha sorpresa. Os seus compañeiros da Xunta de Goberno da Deputación aproveitaron a súa asistencia á reunión semanal para agasallalo cunha torta que lembra esas tres décadas de servizo público.
A torta era de nata e chocolate e tiña enriba unhas velas co número 30, pero o que máis chamaba a atención era a decoración do propio pastel, pois contaba cun sinal de limitación de velocidade a 30 Km/h, xusto a velocidade que se está a implantar nas vías provinciais nas que, desde a chegada do bipartito PSOE-BNG á Deputación hai seis anos, se acometen proxectos de mellora da mobilidade e seguridade viaria e se estendeu a 'Zona 30'.
A presidenta provincial, Carmela Silva, destacou na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno que este sinal de 30 "define moi ben a súa aposta pola seguridade viaria a e pola recuperación do espazo público".
"Cumprir 30 anos de servizo público merece un recoñecemento", destacou Carmela Silva, que explicou que quixeron darlle esta sorpresa a Mosquera "porque fronte a quen cuestiona a política, nos consideramos que é o único instrumento que ten a xente para mellorar a súa vida".
Na sorpresa participaron todos os deputados e deputadas que asistiron á Xunta de Goberno e tamén o arquitecto Jesús Fole, que entrou na sala de xuntas do Pazo Provincial coa torta na man para darlle a sorpresa.
Según la información difundida máis tarde pola Deputación, Mosquera agradeceu o xesto e chanceou lembrando que cando se converteu en deputado no ano 91 "fíxeno coa condición de que no 95 marchaba". Explicou que estaba a valorar unha oferta da Universidade de Barcelona nun momento da súa vida no que elaboraba a súa tese doutoral.
Ao chegar a ese ano 95, segundo explicou, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, puxo como condición que el fora na lista electoral ou el tamén o deixaba; "así que repetín", explicou.
O vicepresidente concluíu que neste tempo viu pasar a moita xente pola Corporación provincial "e abofé que moitos dos que xa non están querían repetir".