Cume socialista en Poio para celebrar que "demandas históricas" xa son unha realidade
Por Alejandro Espiño
Para Gonzalo Caballero, o PSOE converteuse no "mellor aliado" para Poio. Así o defendeu o secretario xeral dos socialistas galegos, que visitou o municipio este xoves para manter un encontro coa executiva local do seu partido.
Fronte un Feijóo "que non cumpre", segundo aseguraron os socialistas, o traballo realizado desde o goberno municipal, a Deputación de Pontevedra e o Goberno central foi "imprescindible" para facer realidade "demandas históricas" no concello.
Así, o PSOE destaca o acordo "en tempo récord" para a nova depuradora, o avance nas negociacións con Defensa por Tambo ou as axudas en materia de eficiencia enerxética.
A iso suman, xa desde o ámbito local, a reactivación da mesa do PXOM, as melloras do Xuviño ou o paseo marítimo de Raxó, a reforma do Pazo Besada, a humanización da Seara ou o proxecto para mellorar a mobilidade entre A Puntada e Portosanto.
Pola contra, os socialistas afirman que Poio "merece outro trato" por parte da Xunta, que non actúa na reforma da PO-308, no novo vial de Ou Vao ou cun novo centro de saúde.
Aproveitando a súa presenza en Poio, Caballero criticou que a Xunta "se garde" centos de millóns de euros procedentes dos recursos extraordinarios consignados polo Goberno central pola pandemia da covid-19.
"É indigno que habendo fondos non se poñan nas mans dos sectores que o están pasando mal", asegurou Caballero, que esixe que ese diñeiro sexa disposto "inmediatamente" en forma de axudas para os sectores económicos afectados polas novas restricións aprobadas para facer fronte á denominada quinta onda da pandemia.