Marín reflexiona sobre os "malabarismos" das mulleres para poder conciliar
Por Redacción
As mulleres que son nais aínda teñen que enfrontarse ás dificultades para poder conciliar o seu traballo coa maternidade. Ese foi o fío condutor da nova intervención artística que se realizou no marco do programa "Violencia Zero" da Deputación de Pontevedra.
A actriz e trapecista Sue Moreno protagonizou na Alameda de Marín un espectáculo de acrobacias, teatro, danza e música en directo para falar "con humor e con amor" dos auténticos "malabarismos" que as mulleres teñen que facer en materia de conciliación.
Neste espectáculo, inspirado na súa propia experiencia como nai, Sue Moreno abordou as desigualdades a través dunha protagonista que no seu día a día trata de equilibrar traballo e maternidade e amosa as distintas caras desta etapa tan complexa cunha mirada feminista.
O seu obxectivo: concienciar e dar visibilidade á situación actual da maternidade "na que a muller leva todo o peso do coidado e non existe conciliación co mundo laboral".
Así, o público puido ver a través da protagonista da historia moitos dos momentos que vive unha nai nesa situación: apenas durme polas tomas do seu bebé e nada máis levantarse ten que facer fronte a unha axenda repleta de actividades que non ten en quen delegar.
O espectáculo contou coa voz en off real das fillas de Sue Moreno chamando por ela para representar ese momento no que unha nai non pode máis, pero que escoita as súas crianzas e recobra todas as forzas para seguir cara adiante.
Relacionadas:
-
O alumnado do colexio do Toural reflexiona sobre a violencia machista
Por Redacción |
-
'Violencia Zero' instalala un mural reivindicativo en Bueu
Por Redacción |
-
Un mural en Caldas para denunciar unha sociedade que "maquilla" a violencia machista
Por Redacción |
-
Cuntis e a Deputación reivindican a "violencia zero"
Por Redacción |
-
25N | Berro de liberdade en Pontevedra contra a dor da violencia machista
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |