Sanxenxo "redobrará esforzos" para facer cumprir as restricións ante o paso a nivel medio
Por Redacción
Sanxenxo pasará a partir do próximo sábado a nivel medio de restricións polo aumento da incidencia da covid-19, que este mércores eleva a 97 o total de casos activos no municipio. Ante este cambio de nivel, o Concello anunciou que "extremará a vixilancia" para que "se faga un cumprimento estrito das normas sanitarias" co obxectivo de frear a expansión.
A Consellería de Sanidade comunicou este mércores o paso do municipio a nivel medio con vixilancia especial, o que supón un endurecemento das restricións para a hostalería e a advertencia a un posible cambio de nivel superior se non se reverte a tendencia.
O goberno local sostén que "redobrará esforzos" e pide colaboración de toda a cidadanía. O alcalde, Telmo Martín, pide aos veciños: "Temos que ser moi conscientes de que nos estamos xogando o medio de vida de miles de familias de Sanxenxo nunha tempada que estaba sendo moi boa. Pola nosa parte, vamos a facer todo o posible, pero esto non o pode conseguir un goberno só, necesita que veciños e visitantes respondan con responsabilidade e acatando as normas".
Telmo Martín avisa de que "vamos a ser inflexibles cos incumpridores e con aqueles que poñen en perigo a a saúde das persoas e a nosa actividade económica" e insiste en que "se facemos as cousas ben, poderemos endereitar a situación porque a vacinación segue avanzando e porque Sanxenxo sabe facer ben as cousas como xa o demostrou".
A entrada en vigor do cambio de nivel implicará unha redución da ocupación no interior da hostalería ao 30% e o 50% no exterior. Os grupos de persoas por mesa tamén se reducen a 10 no exterior e mantense en 6 no interior.
Pese ao cambio de nivel, a celebración do concerto de Vanessa Martín previsto para o vindeiro venres mantense, pero o goberno esixiu limitar a 1.000 persoas o público, non ás 2.500 persoas previstas, adiantando a medida do cambio de nivel por precaución. A
demais, os asistentes deberán presentar coa entrada unha PCR, un test de antíxenos negativos ou o certificado de vacinación.
A partir desta tarde comezarase cun cribado dirixido á poboación de entre 19 e 35 anos no PAC de Baltar. Realizaranse tamén durante a tarde de mañá e do venres para tratar de localizar posibles casos non diagnosticados.
Relacionadas:
-
Piden a dimisión do alcalde de Sanxenxo por acusar os sanitarios de Baltar de desatender o seu traballo
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Telmo Martín propón PCR ou certificado de vacinación para acceder a locais de hostalería
Por Redacción |
-
A covid-19 deixa en cadro aos socorristas de Sanxenxo: dous positivos e nove confinados
Por Redacción |
-
A Xunta limita a dez o número de persoas no exterior e a seis no interior
Por Oskar Viéitez |