Poio súmase ao maior proxecto mundial de alfombrismo para conmemorar o Xacobeo
Por Redacción
Diferentes agrupacións alfombristas da parroquia de Combarro e o propio Concello de Poio sumaranse ao maior proxecto mundial de alfombrismo, que o vindeiro 25 de xullo, día de Santiago, elaborará alfombras co mesmo deseño en 250 cidades de 27 países dos cinco continentes.
A concelleira de Cultura de Poio, Raquel Rodríguez, anunciou este mércores esta participación no proxecto, bautizado Alfombra Mundial Xacobeo 2021. A alfombra vaise amosar na praza de San Roque e contará coa participación de varios colectivos locais.
Esta iniciativa xorde da Comisión Xestora de Entidades Alfombristas do Camiño de Santiago e todas as alfombras elaboradas en todo o mundo contarán todas co mesmo deseño, aínda que hai liberdade á hora de elixir a técnica, tamaño ou os materiais a empregar. O deseño céntrase no símbolo xacobeo por excelencia: a cuncha de vieira, identificación dos peregrinos e do Camiño de Santiago e que foi creado polo alfombrista de Chinchón Miguel Angel Lagoa Villalobos.
En cada alfombra aparece o nome da cidade de realización e a frecha amarela indicando os quilómetros que a separan da meta do Camiño: Santiago de Compostela.
A temática é o Camiño de Santiago e Poio participa, entre outros motivos, co obxectivo de poñer en valor a tradición alfombrista existente en Poio, que, tal e como lembra a titular de Cultura, "vai máis alá das coñecidas alfombras do Corpus".
Ademais, Raquel Rodríguez considera que é unha boa ocasión para dar a coñecer o tramo da Variante Espiritual que percorre parte de Poio e para "difundir o noso patrimonio cultural.
Poio gravará un vídeo promocional desta actividade, no que tamén se incluirán imaxes do emblemático casco histórico de Combarro.