Pechan cinco días as pistas deportivas de Mollavao por obras de mantemento na AP-9
Por Alejandro Espiño
As pistas deportivas de Mollavao, situadas baixo a ponte da autoestrada AP-9, deberán estar pechadas ao público durante o próximos cinco días. O motivo, as obras de mantemento que Audasa está a realizar no vial para corrixir unha serie de deficiencias.
Así o anunciou o edil de Mobilidade, Demetrio Gómez, tras recibir o aviso por parte de Audasa do inicio destes traballos sobre a autoestrada.
O peche destas instalacións adóptase para garantir a seguridade dos usuarios destas pistas, ante a posibilidade de que se poida desprender algún material da ponte durante a realización destas tarefas de mantemento.
Estas obras foron comprometidas por Audasa tras o informe técnico elaborado polo Concello, a instancias das denuncias dos veciños, sobre o mal estado no que se atopaba parte da ponte da AP-9 sobre a desembocadura do Lérez.