Jorge Cubela: "Carmela Silva converteu a Deputación na sede da confrontación co PP na Xunta"
Por Natalia Puga
O voceiro do grupo provincial do Partido Popular na Deputación de Pontevedra, Jorge Cubela, fixo este mércores balance dos seis anos do goberno bipartito PSOE-BNG na Deputación e amosouse especialmente crítico co que considera unha política marcada pola "propaganda" e a "confrontación", sen xestións útiles para a cidadanía.
Cubela cargou tintas contra a presidenta da Deputación Provincial, pois considera que a institución "continúa ao servizo da campaña de imaxe de Carmela Silva" e que "Carmela Silva converteu a Deputación na sede da confrontación co Partido Popular na Xunta de Galicia".
O voceiro do PP, que compareceu acompañado pola deputada Pepa Pardo, comezou a súa intervención enviando unha "mensaxe de solidariedade a todo o pobo cubano" e rematouna pedindo aos socios do goberno bipartito que "abandonen a propaganda e o oportunismo político" e "comecen a resolver os problemas dos pontevedreses e da provincia".
Como acto de "propaganda", criticou o celebrado o pasado venres no Pazo Provincial para facer balance dos seis anos de goberno, "un acto con moito envoltorio e con pouco contido" que demostrou que o BNG ten menos peso no Executivo e "todo recae na propaganda e nos actos promocionais de Carmela Silva".
Ademais, criticou que durante a pandemia o seu grupo do PP mantivo unha "actitude exemplar" mesmo gardando silencio ante cuestións coas que non estaba de acordo porque a situación "requería a unidade política e non a confrontación". Nembargantes, o PSOE e o BNG "non estiveron á altura" e "case rozaron a posición de perfil".
Cubela amósase moi crítico co papel da Deputación durante estes meses de crise sanitaria pola falta de axudas aos sectores afectados e por non escoitar aos alcaldes e alcaldesas "cos problemas reais que estaban vivindo os concellos" nin recibir a colectivos e entidades socais.
"Se esperaba que estivera ao carón dos concellos, dos autónomos, dos hostaleiros, dos sectores produtivos que o estaban a pasar mal e a Deputación estivo desaparecida, converténdose nun mero espectador desde o patio de butacas", criticou Cubela, que fala de "ausencia de xestión no Príncipe Felipe" e de que mentres outras deputacións como A Coruña levan destinados xa 20 millóns de euros aos sectores produtivos, a de Pontevedra só aprobou 1,6 millóns que seguen sen repartirse.
Así, insistiu que desde o PP levan meses reclamando "que a Deputación volva ser unha institución útil" e cuestionou que non defendera no último ano aos sectores do mar e a industria da provincia ante a "maior ameaza ao sector por parte dun goberno nacional, o de Pedro Sánchez", o artigo 17 da Lei de Cambio Climático.
A relación co Goberno central é outra das cuestións que critica o PP, pois "fronte ao todo está mal do Goberno galego, pasamos ao todo está ben do Goberno central, antepoñendo os intereses partidistas aos da provincia".