Un accidente en Meaño con tres vehículos implicados dificulta a circulación na Autovía do Salnés
Por Diego Espiño
Un aparatoso accidente de circulación acontecido á primeira hora da tarde deste martes obrigou a cortar o tráfico na AG-41, a coñecida como Autovía do Salnés, un vial con gran volume de tráfico especialmente durante os meses de verán.
O suceso tivo lugar pouco despois das 15.00 horas da tarde no tramo do vial que transcorre polo municipio de Meaño.
Segundo explica o 112 Galicia aludindo á información trasladada polos axentes desprazados ao lugar, tratouse dunha colisión entre unha furgoneta e un camión que transportaba pedra. Debido ao choque perdeu a súa carga quedando esparexida polo asfalto e saltando en parte ao carril contrario golpeando a un terceiro vehículo.
Como consecuencia do choque dúas persoas tiveron que ser atendidas polo 061, segundo confirmou o servizo municipal de Emerxencias Sanxenxo, aínda que con prognóstico leve.
Precaución si circulas por autovía AG41. pic.twitter.com/UNaP4Bpy4l
— Emerxencias Sanxenxo (@SLXE_Sanxenxo) July 13, 2021
Durante toda a tarde os servizos de mantemento de estradas traballaron no lugar para restablecer a normalidade na circulación rodada, xa que o firme da calzada viuse danada polas pedras caídas desde o camión accidentado.
O dispositivo de emerxencia mobilizado contou con efectivos do 061, Garda Civil de Tráfico, Bombeiros do Salnés, Emerxencias de Sanxenxo e Emerxencias de Cambados xunto ao persoal de mantemento.