Conta atrás para a apertura do complexo termal ao aire libre da Tafona, prevista para 2022
Por Redacción
O complexo termal ao aire libre que se está a preparar na Tafona, en Caldas de Reis, xa se atopa na súa recta final. Segundo as previsións que manexa a Deputación Provincial de Pontevedra, o equipamento estará plenamente operativo en 2022.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, visitou as instalacións este luns acompañada do alcalde, Juan Manuel Rey, e valorou a calidade do proxecto e a súa integración na paisaxe, nun lugar privilexiado ás beiras do río Umia, accesible e perfectamente integrado no centro da vila.
O proxecto está impulsado polo Concello de Caldas de Reis co apoio financeiro da Deputación de Pontevedra con diferentes achegas do Plan Concellos. Supuxo un investimento total de 437.766 euros.
Nestes últimos meses estanse a executar as obras de peche exterior do recinto, firmes e pavimentos na zona de circulación, dotación de mobiliario para os espazos de vestiarios e recepción de visitantes, a montaxe dunha fervenza de aceiro, iluminación dos vasos de baño e aposta a punto dos equipamentos hidráulicos. Tamén estase a completar o axardinamento exterior coas propostas realizadas pola Escola Galega de Paisaxe Juana de Vega.
Carmela Silva destacou o reforzo de primeira categoría que as pozas de A Tafona son para a potente oferta turística da provincia e que cubre un oco no sector termal, ofertando un espazo aberto e un modelo de lecer distinto ao dos hoteis-balnearios de referencia pontevedreses.
"Gañamos en competitividade, porque incorporamos un gran complexo de pozas, que era algo do que careciamos, e, ademais, situado nun lugar estratéxico, na comarca do Umia, que está ben comunicada e preto das principais cidades", destacou, convencida de que este proxecto da Tafona converterase nun novo sinal de identidade turística e de despegue económico para Caldas de Reis e toda a súa comarca.
Ademais, destacou que a pandemia cambiou as demandas do mercado turístico, que agora pivota en gran parte ao redor de espazos seguros, valores naturais e experiencias, de maneira que este proxecto chega no mellor momento.
O complexo termolúdico da Tafona está integrado por cinco piscinas, dúas delas de seis e oito metros de diámetro, outras dúas de cinco metros e unha quinta de dous metros de diámetro, que contará con auga fría para gozar dos contrastes de temperatura. Todo o proxecto está baseado en deseños de estruturas circulares, incluído o edificio de recepción e vestiarios e tamén o que alberga as máquinas e instalacións.
No seu espazo próximo sitúanse tamén equipamentos públicos municipais como a pista de pádel, o Centro Comarcal de Caldas e o aparcamento.