Vilagarcía licita a elaboración do plan que marcará as pautas da mobilidade urbana para a vindeira década
Por Redacción
O Concello de Vilagarcía vén de licitar a elaboración do Plan de Mobilidade Urbana e Sostible (PMUS), mediante o cal se fixarán as pautas a seguir nos vindeiros anos de cara a continuar a construción dunha cidade amable para vivir, universalmente accesible, con baixo nivel de emisións de carbono, cun sistema eficiente de transporte público e que potencia os medios de transporte alternativos e respectuosos co medio ambiente.
O contrato licítase por 70.000 euros, ten un prazo de execución de 6 meses, e as firmas interesadas dispoñen de prazo ata o 23 de xullo para presentar as súas ofertas. O PMUS finánciase con fondos europeos da EDUSI.
O PMUS de Vilagarcía deberá definir un conxunto coordinado de actuacións a desenvolver a curto, medio e longo prazo, destinadas a implantar modos sostibles de mobilidade dentro do termo municipal. Isto farase a partir da análise da situación actual, tendo en conta os estudos previos de mobilidade realizados polo Concello e mediante a aplicación das pautas de actuación estandarizadas de referencia na materia.
O fin último deste documento será que o Concello conte cunha ferramenta útil para concretar os obxectivos, as estratexias e os criterios para desenvolver a política de mobilidade durante no marco temporal de 2022 a 2030.
De feito, xunto co Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), o PMUS será un dos documentos esenciais para consolidar os principios e valores que fagan de Vilagarcía unha cidade máis habitable e grata no día a día para os seus habitantes.
Relacionadas:
-
Ravella abre o proceso de participación cidadá do PMUS coa constitución da mesa da mobilidade 'Velaívai!'
Por Redacción |
-
Ramallo anuncia a fase final de elaboración do Plan de Mobilidade Urbana Sostible de Marín
Por Redacción |
-
A Xunta conclúe os trámites ambientais necesarios para a ampliación da EDAR de Vilagarcía
Por Redacción |