Nas últimas 24 horas producíronse 114 novos contaxios na área sanitaria
Por Oskar Viéitez
O Servizo Galego de Saúde notifica este sábado 741 pacientes con infección activa de covid-19 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
Nas últimas 24 horas confirmáronse 114 contaxios novos. Descontado o número de persoas que se curaron nesta marxe de tempo, a área suma 78 casos activos máis que onte venres.
O número de pacientes hospitalizados baixa a doce persoas atendidas entre os tres hospitais da área sanitaria. Oito deles están hospitalizados en planta e outros catro están ingresados en estado crítico na Unidade de Coidados Intensivos (UCI) de Montecelo.
O resto dos que contraeron o virus atópanse illados nos seus domicilios con sintomatoloxía breve ou asintomáticos.
Desde o inicio da pandemia 14.339 pacientes da área sanitaria superaron a covid-19, nas últimas 24 horas foron 36 as persoas curadas, e rexistráronse 181 falecementos asociados ao virus.
En canto á realización de probas PCR, fixéronse na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés un total de 257.059, nas últimas horas fixéronse 1.523.
A estas probas súmanse as 89.141 probas de antíxenos e outras 95.138 probas de detección realizadas ata a data.
GALICIA
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 4.168 deles 821 son da área da Coruña, 414 da de Lugo, 726 da de Ourense, 741 da de Pontevedra, 871 da área de Vigo, 432 da de Santiago e 163 da de Ferrol.
Os casos activos de coronavirus en Galicia levan xa dezasete días crecendo sen parar. Hoxe son 498 casos máis.
Do total de pacientes positivos, 12 están en UCI, 47 en unidades de hospitalización e 4.109 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 126.516 persoas curadas, rexistrándose 2.439 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 2.409.140.
O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 3.023.258.