O mural organizado por Ponteverán xa loce nas escaleiras de Eduardo Pondal
Por Redacción & Cristina Saiz
O concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña, visitou este venres o mural que están realizando os participantes nas escaleiras de Eduardo Pondal a través do 'Obradoiro Mural Artístico Colectivo' a cargo do Estudo Matrioska.
Trátase dun dos obradoiros que acaba de comezar no marco do programa de ocio activo para a mocidade, Ponteverán e que están realizando, concretamente, 5 mozas e 4 mozos con idades comprendidas entre os 12 e os 26 anos que iniciaron esta actividade o luns desta semana.
O traballo do mural consiste nunha realización previa de debuxo e colaxe realizado polos participantes na actividade.
Durante a visita, Alberto Oubiña salientou que na edición do programa deste ano "as iniciativas relacionadas coa arte e o espazo público" son unha das novidades e que espera que este obradoiro "sexa o primeiro de moitos que están por vir para poñer en valor o espírito artístico da mocidade pontevedresa".
Así mesmo, no marco de Ponteverán, ademais deste obradoiro artístico, o pasado día 1 de xullo deu comezo a actividade 'Obradoiro de creación audiovisual: Reflexións', o luns 4 deu comezo o 'Obradoiro tecnolóxico: impresión 3D', e o martes 6 deron comezo o 'Curso de iniciación ao piragüísmo', e o 'Curso de informática: Windows 10'. Todas estas actividades teñen as prazas completas.