Bueu programa a súa Semana da Cultura Mariñeira con actividades para todos os públicos

Por Redacción
Co obxectivo de poñer en valor o mar e as súas xentes, o Concello de Bueu organiza, en colaboración coa Comisión Bueu en Festas, a II Semana da Cultura Mariñeira, que se celebrará entre o 12 e o 18 de xullo, e que ofrecerá actuacións musicais, obradoiros de arte mariñeira, verbenas, homenaxes e espectáculos de maxia.
Segundo salientou na presentación destas xornadas Xosé Leal, o concelleiro de cultura, "o Concello volve tomar a renda da organización dos eventos vinculados á festividade do Carme que tan importante é para nós".
Pola súa banda, Félix Juncal, alcalde de Bueu, apuntou que "con este programa tentamos avanzar dende o presente tendo en conta o pasado para vernos no futuro como vila mariñeira".
O programa desta semana inclúe ademais unha serie de citas que se prolongarán durante o verán como Bueu Espazo Convida 21 e cuxas actividades se poden consultar a través da web do Concello no seguinte enlace: https://concellodebueu.gal/o-concello-programa-cinema-artes-escenicas-e-musica-para-o-veran-no-espazo-convida-21.
LUNS 12
Na zona da Banda do Río, o barrio mariñeiro por excelencia, terán lugar o luns 12 de xullo a actuación do contador Quico Cadaval ás 21.30 horas.
MARTES 13
A obra teatral para familias ‘Saabor!’ collerá a testemuña o martes 13 de xullo ás 21:30 tamén no mesmo entorno da pista da Banda do Río.
MÉRCORES 14
No mesmo emprazamento da Banda do Río proxectarase o mércores 14 de xullo ás 22:30 horas a premiada película ‘Las niñas’, de Pilar Palomero.
VENRES 16
As celebracións máis festivas do Día do Carme van dar comezo cos oficios relixiosos na igrexa parroquial nos que colabora a Asociación Bueu en Festas cunha misa o venres 16 ás 12:00 horas, que estará amenizada pola Banda de Música Artística de Bueu.
Ás 22:00 horas, terá lugar a verbena coa Orquestra Marbella nos Xardíns de Urbano Lugrís nas Lagoas, que contará con todas as medidas e controis ante a Covid-19 e que terá un primeiro pase ata as 23:45 horas no caso de que finalmente a Xunta levante as restricións aos espectáculos pirotécnicos. De ser o caso, ás 00:00 horas terá lugar o espectáculo pirotécnico desde a praia da Banda do Río, para despois rematar coa verbena ata ás 1:00 horas.
SÁBADO 17
Ao día seguinte, 17 de xullo, ás 12 horas celebraranse os actos na honra das Dores co acompañamento do grupo tradicional Trébede. Ás 21:30 horas terá lugar un dos pratos fortes do programa, co concerto do grupo Heredeiros da Crus nas Lagoas, incluído no Musigal da Deputación de Pontevedra. Durante o concerto, haberá unha mesa solidaria para recadar fondos por parte de Solidariedade Galega co Pobo Saharaui. As entradas, que serán de balde, poderanse reservar a través da web www.woutick.es a partir deste xoves ás 18.00 h.
DOMINGO 18
Para pechar as actividades o 18 de xullo, tras a ruada de Manxadoira polo centro da vila, terá lugar na Banda do Río ás 11:30 horas a ‘Gala O Ronsel de Manuel Aldao e Manolo Purro’, un espectáculo homenaxe a estes dous veciños vinculados ao mar. O acto, que segue ao que se realizou o ano pasado na honra de Staffan Mörling, estará guiado por Xurxo Souto e contará coa música de Susana Seivane, grazas a un proxecto cofinanciado polo Galp Ría de Pontevedra que conlevará a edición de cadanseu catálogo fotográfico e vídeo adicados aos homenaxeados.
Tamén o domingo 18, o Mago Antón terá o seu camión para o espectáculo ‘A volta a Galicia en 313 concellos’ que fará a súa primeira parada de mañá no entorno do Pavillón de Beluso para dúas sesións ás 12 e ás 13 horas. Pola tarde ofrecerá pases no entorno do Centro Social do Mar en Bueu ás 17:00, 18:00, 19:00, 20:00, 21:00 e 22:00 horas cun aforo limitado e atendendo ás medidas Covid-19.