Último aviso do Concello de Vilaboa para a roza de terreos privados
Por Redacción
O Concello de Vilaboa retomará nos vindeiros días unha segunda fase da campaña de ornato e limpeza de leiras, unha iniciativa que comezou o pasado mes de marzo para recordar aos propietarios de parcelas a súa obriga de mantelas limpas e rozadas.
Fontes municipais indican que a campaña tivo boa acollida entre os donos das leiras pero que, con todo, aínda quedan parcelas dominadas pola maleza polo que o Concello, ante a previsión dun verán con altas temperaturas, requirirá aos propietarios para que nun prazo de 15 días procedan ao axeitado das súas parcelas. De non facelo, o Concello asumirá os traballos e derivará a factura ao titular do terreo ademais de tramitar a correspondente sanción por non atender os requirimentos municipais.
O alcalde de Vilaboa, César Poza, agradece á veciñanza que atendeu as peticións de limpeza feitas xa en marzo a súa sensibilidade e compromiso non só con Vilaboa senón co rural e co medio ambiente. Naquel momento o Concello optou por un bando xenérico de limpeza e por unha comunicación persoal nos casos máis urxentes.
"Dende o grupo de goberno consideramos que este é un problema grave. Manter as fincas limpas é unha obriga e un deber. Queremos un rural limpo e seguro e queremos que os veciños e veciñas de Vilaboa se sintan orgullosos e orgullosas do seu pobo. Para conseguilo pedimos a implicación de todos e de todas pero non imos dubidar en recorrer á sanción se é necesario", explica César Poza.