Condenan un ladrón que roubou na capela de San Amaro e deixou esquecida entre os bancos unha chave inglesa
Por Natalia Puga
A sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra acaba de confirmar unha sentenza pola que se impoñen 14 meses de prisión a un ladrón que no ano 2017 desvalixou a capela de San Amaro. O acusado recorrera a condena previa que lle impuxo o Xulgado do Penal número 1 de Pontevedra alegando que non declarou durante o xuízo o funcionario que fixo un informe de ADN que o inculpou e que se vulnerou a súa presunción de inocencia, pero no tribunal provincial rexeitaron todos os motivos e confirmaron o fallo inicial.
A sentenza, adiantada por Alfredo López Penide en La Voz de Galicia, e á que tivo acceso PontevedraViva, considérao autor dun delito de roubo con forza nas cousas e imponlle tamén a obriga de indemnizar ao párroco de San Amaro con 930 euros, 450 polo cáliz, a patena e o copón que roubou no templo e 480 polos danos causados na porta do campanario para poder acceder.
A Policía Nacional logrou descubrir ao ladrón, entre outras probas, por un despiste del mesmo, que deixou tirada no chan entre os bancos da igrexa unha chave inglesa na que se encontrou o seu ADN.
A sentenza ditada polo maxistrado José Juan Barreiro Prado considera probado que o roubo se produciu o 10 de agosto de 2017, cando o acusado "violentou unha porta metálica do campanario" desta capela de Mourente, accedeu ao interior e apoderouse dun cáliz, unha patena e un copón valorados en 450 euros.
Tamén violentou os cadeados dos cepillos nos que se recollen as esmolas, aínda que non consta canto diñeiro levou deles.
No seu recurso, o acusado pedía a nulidade da sentenza do Xulgado do Penal e que se volvera celebrar o xuízo para que declarara o policía que asinou o informe de ADN que se tivo en conta para a súa condena. Nembargantes, a Audiencia considera que en ningures figura que a defensa do acusado a impugnase o informe de xeito expreso, senón só que pedía que o autor declarase na sala, e que esta declaración "abofé que non era necesaria nin útil".
O acusado sostiña que na chave inglesa podían aparecer máis restos de ADN que o seu, pero o maxistrado considera que iso "en nada afecta a que o único detectado se correspondese co do acusado". "Así de nidio e contundente", afonda a sentenza, que tamén engade que o propio procesado, "lonxe de negar que o seu ADN apareceu na chave inglesa que se encontrou no chan da capela, manifestou que aquela ferramenta podía ser unha das que el utilizara e que lle roubaran á súa amiga".
A defensa do acusado tamén alegaba que se vulnerara a súa presunción de inocencia e se valorara mal a proba, pero a Audiencia négao e cre que "a existencia de probas de cargo resulta indiscutible".
O acusado alegaba que nunca estivera na capela de San Amaro, e que nin tan sequera sabía onde se situaba, así como que o día do roubo el estaba traballando nunha feira de Santa Cristina de la Polvorosa, en Zamora. O maxistrado nega esta posibilidade porque "non consta por ningures e descoñécese todo o relativo aos outros feirantes cos que ou para quen traballaba entón".
Ademais, o propio acusado "nin insinuou a posibilidade de poder dar con eles para a súa hipotética declaración como posibles testemuñas de descargo" e declarou unha amiga asegurando que si que estaba na feira porque lle mandara unha fotografía, pero nin el nin ela foron quen de achegala.