A Deputación e Aviturga coinciden na necesidade de profesionalizar o sector das vivendas turísticas
Por Oskar Viéitez
A provincia de Pontevedra e Galicia non poden perder a oportunidade como destino seguro, sostible e non masificado que ten acadado no actual contexto de pandemia. E ten que facelo coa "unión", con traballar conxuntamente e coa aposta firme pola "dixitalización operativa" de todo o conxunto do sector. Así o referendaron este martes a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, a presidenta da Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia, Dulcinea Aguín, e o seu vicepresidente, Rafael Serrano, tras manter un encontro no Pazo Provincial, no que sentaron as bases dunha colaboración mutua para sumar sinerxías do sector público e privado ao fin de acadar estes obxectivos.
Tanto a presidenta provincial como a de Aviturga subliñaron a necesidade de que todo o sector traballe de xeito unido.
Carmela Silva afirmou que "Temos que superar a atomización para ser capaces de construír instrumentos globais que sirvan para todas e todos"
Pola súa banda, Dulcinea Aguín sinalou que "é fundamental que desde todo o sector traballemos da man porque temos un obxectivo, que é dar a coñecer a nosa terra con todas as potencialidades e fortalezas e coas súas oportunidades. Temos que estar organizados e rearmar porque as ameazas tamén están cerca. Cando esta situación pase todos os territorios vanse organizar para ser despois o foco de captación do turismo, e imos encontrar auténticas tolerías como ir a París por 200 euros ou Nova York por 500".
"Vai haber un montón de oportunidades de saír e se non estamos ordenados podemos a non moi longo prazo non pasalo moi ben", engadiu a presidenta de Aviturga.
Cara ao futuro próximo, a dixitalización "operativa" pasa por ser unha das grandes aliadas.
Nese espírito de colaboración, Carmela Silva anunciou que a Deputación e Aviturga van traballar na actual plataforma de reservas que ten a asociación, Vitgal, para estudar a posibilidade de enchela con contido turístico de forma continua "para que as visitantes e os visitantes que veñan á provincia, a calquera das modalidades de aloxamento, poidan saber que hoxe na provincia hai 100 actividades deportivas, culturais ou de sendeirismo que poden realizar e que lle chegue a través dun clic no teléfono".
Outro dos asuntos abordados no encontro foi a necesidade de profesionalizar o sector das vivendas turísticas, así como mellorar a formación dos propietarios destes aloxamentos, "a fin de que a experiencia das persoas visitantes sexa de excelencia".
A presidenta de Aviturga defendeu a necesidade de traballar "cunha estratexia conxunta porque ao final o que pretendemos é fidelizar á xente que nos visita".
As vivendas turísticas da provincia representan practicamente a metade (48%) das existentes en Galicia e existen en 58 dos 61 concellos de Pontevedra, cunha implantación case global. E a situación de pandemia ten sido unha oportunidade para a comunidade porque, como destacou Carmela Silva, "foi unha privilexiada, xa que contamos cun modelo de turismo non masificado que permite que a xente poida atopar o que buscaba".
Relacionadas:
-
A Deputación difundirá Pontevedra como destino turístico ante empresas do sector en Madrid e Valencia
Por Redacción |
-
Ocupación histórica no mes de xuño nas vivendas de uso turístico
Por Oskar Viéitez |
-
Sanxenxo incrementa a súa capacidade de aloxamento con 97.612 prazas para visitantes
Por Redacción |
-
O sector turístico de Sanxenxo ten "boas perspectivas" para este verán polo importante número de reservas
Por Oskar Viéitez |