'Fracción dun chanzo', a premiada obra do caldense Hugo Castromán, exponse ao público
Por Redacción
O Concello de Caldas de Reis estreou no Centro Comarcal a exposición fotográfica "Matemáticas nun clic" que recolle as instantáneas gañadoras do concurso organizado pola rede de Divulgación Matemática (DIMA) no marco do proxecto #marzomates.
A mostra permanecerá aberta ao público ata finais de agosto e nela pode contemplarse o traballo do caldense Hugo Castromán, estudante de 2º de ESO do CPI Plurilingüe Alfonso VII, que foi premiado entre máis de 1.200 propostas pola foto titulada 'Fracción dun chanzo'.
Xunto a Hugo Castromán, estiveron na apertura da mostra o alcalde Juan Manuel Rey; o concelleiro de Educación Jacobo Pérez; o director do CPI Alfonso VII Juan Manuel Campos; e a profesora de matemáticas do centro Cristina Vilas, que foi a que impulsou a participación no concurso, con motivo do Día Internacional das Matemáticas, entre o alumnado.
"Primeiro celebrouse unha fase a nivel autonómico na que Hugo se clasificou para despois saír elixido entre os mellores a nivel nacional", explica a profesora. "No centro estamos moi contentos e este premio foi para nós unha sorpresa moi grata", engade Cristina Vilas.
Ademais, Hugo Castromán tivo a sorte de gañar a viaxe á Illa da Gomera que se sorteou entre os autores das 15 instantáneas vencedoras.
Os elementos matemáticos que compoñen a obra 'Fracción dun chanzo' son a espiral que forman as escaleiras ao baixar e cada un dos chanzos que representa unha fracción da propia escaleira. Ao mesmo tempo, a sombra que forma a escaleira debuxa un cadrado perfecto, introducindo así outro elemento matemático máis na composición.
O alcalde e o concelleiro de Educación felicitaron a Hugo Castromán polo premio e animárono a seguir esforzándose na súa traxectoria académica. Ademais, tamén quixeron facer mención a Alejandro Campo Herbés, alumno que acaba de rematar 2º de ESO no CPR Plurilingüe San Fermín e que vén de gañar o concurso nacional de matemáticas Pangea. Alejandro acadou unha media de 10 nas últimas cualificacións e gañou este concurso nunha final consistente en resolver problemas matemáticos de razoamento no menor espazo de tempo posible.