Rueda chama a "non baixar a garda" para que se cumpran as boas perspectivas turísticas do verán
Por Oskar Viéitez
A Xunta confía nas boas perspectivas turísticas de cara o verán da man da marca Galicia, destino seguro. De feito, o sector agarda chegar superar a ocupación do 2020 e chegar ao millón de visitantes este verán e aos tres millóns en todo o ano.
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, apelou este luns ao "sentidiño" e a "non baixar a garda" para que se cumpran as previsións que se deron a coñecer nunha reunión mantida na illa da Toxa co Clúster Turismo de Galicia.
Neste encontro se valoraron as boas previsións e o alto nivel de reservas que se está a rexistrar en Galicia como resultado das medidas adoptadas, do seu modelo turístico tranquilo e de calidade e de campañas como o seguro coronavirus para reforzar a confianza do viaxeiro.
O sector manifestou a súa confianza nunha boa temporada que arrancará sobre o 15 de xullo e que se estenderá ata finais de setembro, e na se agarda chegar ao millón de visitantes -un 11% máis que no 2020-, ademais de rematar o ano con tres millóns de turistas.
Alfonso Rueda tamén se referiu á rápida recuperación que está a rexistrar o Camiño de Santiago, que contou no mes de xuño con case 15.000 peregrinos –o 70% do total do ano- e que na pasada fin de semana rexistrou a entrega de máis de 3.000 Compostelas, malia o mal tempo.
Na reunión da Toxa tamén se perfilaron os obxectivos do Plan Director 2021-23, Galicia destino seguro, un documento que definirá o novo modelo de turismo galego: seguro, sostible e de calidade.
Alfonso Rueda subliñou que Galicia chega ao inicio da temporada "cos deberes feitos", pero lamentou que desde o Goberno central non se estea a facer o mesmo apostando polas súas potencialidades turísticas. De feito, a Xunta vén de presentar alegacións ao borrador da Estratexia de Sostenibilidade Turística en Destino ao considerar que os 79,8 millóns que o Goberno central asigna á comunidade autónoma son escasos, e pide 105 millóns, un 24% máis.
O vicepresidente primeiro indicou que a Xunta seguirá reclamando o que lle corresponde a Galicia, e máis aínda en plena celebración do Xacobeo.
Relacionadas:
-
Pontevedra reivindícase como destino turístico de calidade ante 20 axencias de viaxes de toda España
Por Redacción |
-
Reforzo nos operativos de seguridade e tráfico no verán nas zonas turísticas da provincia
Por Natalia Puga |
-
Estiman unha ocupación hoteleira na provincia do 75% no mes de xullo e do 80% en agosto
Por Oskar Viéitez |