Chega o polbo e vaise o choco da Ría de Pontevedra
Por Redacción
A partir das 05.00 horas deste luns, pode volver collerse polbo nas rías galegas. Comeza en toda Galicia a campaña extractiva do polbo, que se prolongará ata a data de inicio da veda do ano 2022, que aínda non está fixada, e que resulta especialmente importante na Ría de Pontevedra no porto de Bueu.
A apertura da campaña do polbo coincide este luns co inicio da veda do choco na ría de Pontevedra. A partir do 19 de xullo tamén queda prohibida a súa captura na ría de Vigo e queda por fixar cando será o inicio da veda na ría de Arousa.
En canto ao polbo, o plan acordado pola Consellería do Mar e o sector para esta especie fixa que a partir do 5 de xullo e ata o 31 de agosto a cota máxima de captura desta especie é de 30 quilogramos por barco e día. A esta cantidade engádenselle 30 quilos ao día por cada tripulante enrolado a bordo ata un máximo de 210 quilogramos ao día.
No resto da campaña, a cota máxima será de 50 quilos por embarcación e día, cantidade á que se engaden 50 quilogramos diarios por cada tripulante enrolado a bordo ata un máximo de 350 quilos por día.
O horario de traballo das embarcacións con nasa para polbo iniciarase ás 06.00 horas -aínda que poden saír do porto ás 05.00 horas- e finalizará ás 16.00 horas. O número de nasas permitido queda establecido en función do tamaño da embarcación e do número de tripulantes enrolados a bordo.
En canto ao réxime de calamento das nasas, na cara oeste da illa de Ons, desde O Con da Serriña ata o illote do Centulo, as nasas poderán permanecer sen seren levadas a porto e sen limitación de profundidade.
No caso do choco, a veda na ría de Pontevedra comeza este luns e prolongarase ata o 31 de outubro. Nesas datas queda prohibida a captura, tenza a bordo, transbordo, comercialización ou venda desta especie con calquera das artes incluídas no decreto 15/2011 polo que se regulan as artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidos para a extracción profesional dos recursos mariños vivos en augas de Galicia. Estas vedas inclúen tamén a pesca marítima de recreo, de acordo co establecido pola normativa vixente.
No caso da ría de Pontevedra, a prohibición de capturar este recurso establécese dentro da liña que vai desde punta da Moa ata punta das Sinas.
A veda do choco nas rías de Pontevedra e Vigo responde ás solicitudes entregadas pola Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Pontevedra co obxectivo de establecer e regular “medidas dirixidas á conservación e explotación responsable, racional e sustentable dos recursos mariños vivos”, obxectivo marcado pola Lei de Pesca de Galicia.