Accidente mortal en Vilagarcía: un condutor morre tras caer por un terraplén e envorcar o seu coche
Por Redacción
O condutor dun vehículo faleceu á primeira hora da tarde deste sábado tras sufrir un grave accidente en Vilagarcía de Arousa. Perdeu o control do seu turismo, caeu por un terraplén e envorcou.
O sinistro produciuse sobre as 16.30 horas no lugar de Renza, na parroquia vilagarciá de Sobrán.
A vítima era o único ocupante do vehículo e tivo que ser excarcerado polos Bombeiros de Vilagarcía.
O 112 Galicia tivo constancia do accidente grazas a unha persoa particular que chamou para pedir axuda. Indicaba que un coche acababa de saírse da vía, caera por un terraplén e envorcara e que no seu interior había un home atrapado.
Desde o 112 Galicia púxose en marcha un dispositivo no que interviñeron ademais do persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros do Salnés, a Garda Civil de Tráfico, a Policía Local e os efectivos do Servizo de Emerxencias da localidade. Con todo, unha vez no punto, nada se puido facer por salvarlle a vida ao condutor.
Os Bombeiros confirmaron a excarceración do home e único ocupante do turismo, segundo a información facilitada polo 112 Galicia.