Buscan un veciño de Pontevedra que fuxiu tras un accidente no que resultou ferido un home que acababa de coñecer nun bar
Por Natalia Puga
A Policía Local de Poio busca a un veciño de Pontevedra que no serán do venres tivo un accidente na PO-308 na avenida da Barca e a continuación escapou correndo do lugar.
O accidente consistiu nunha saída de vía do vehículo que o conducía e no que viaxaba como acompañante outro home que resultou ferido. O ferido relatou aos policías que non coñecía ao condutor, senón que se coñeceron nun bar e trasladábao ao seu domicilio.
Os axentes sospeitan que ambos estaban baixo os efectos do alcol, motivo polo que se puido escapar o condutor, aínda que se investigan outras posibles causas.
Segundo informou a Policía Local, o turismo retirouse do lugar polo guindastre municipal para liberar o trafico, pois o sinistro xerou retencións de entrada e saída a Poio pola Barca.
O condutor aínda non apareceu e enfróntase a unha multa de 600 euros e o pago da retirada do vehículo e dos danos do outro vehículo. Ademais, unha vez que se produza a súa identificación podería acusárselle dunha infracción penal.
O accidente produciuse sobre as 21.00 horas deste venres na curva do hotel Don Pepe. O vehículo saíuse da vía e golpeou a outro vehículo estacionado, quedando esnaquizado no medio do carril.
As testemuñas viron como o condutor baixaba do coche e escapaba correndo do lugar sen máis.
Cando os policías chegaron ao lugar, un ocupante do vehículo causante atopábase no lugar cun forte golpe na cabeza producido ao darse contra o parabrisas. De feito, o cristal quedou roto no lado dereito. Este ocupante leste foi trasladado ao hospital por unha ambulancia do 061.