A ausencia do servizo de pediatría en Cuntis e Moraña chega ao Parlamento galego
Por Redacción
O grupo parlamentario do BNG faise eco da falta de cobertura do servizo de pediatría en Moraña e Cuntis. Denuncian os nacionalistas "os recortes que vén practicando a Xunta do PP na sanidade pública" e que coa escusa das medidas de urxencia por causa da pandemia esténdese na actualidade a servizos que deberían estar cubertos.
"Estes recortes e redución de medios humanos e materiais estanse a padecer nos centros de saúde de Moraña e Cuntis, primeiramente amortizando prazas que existían e na actualidade non cubrindo o servizo de pediatría", manifestan desde o BNG.
Lembra o segundo grupo en representación no Parlamento galego que "xa no ano 2018 o Sergas anunciaba que temporalmente o Servizo de Pediatría de Moraña e Cuntis quedaba suspendido. Daquela a presión e protesta veciñal fixo que o Sergas puxese un parche dotando unha profesional da sanidade para a praza de pediatría do Centro de Saúde de Moraña, compartida co concello veciño de Cuntis".
Esta situación empeorou desde que a comezos do pasado mes de xuño se suprimise a atención pediátrica, coa obriga de derivar aos nenos ao Centro de Saúde de Caldas.
A última noticia que ten o BNG é que se estuda a posibilidade, desde a área sanitaria de Pontevedra e Salnés, de que os centros de saúde de Moraña e Cuntis conten con atención pediátrica só algúns días á semana.
Ante esta situación, o grupo parlamentario do BNG decidiu presentar unha proposición non de lei para o debate en Pleno/Comisión na que se "insta ao goberno galego a cubrir de xeito permanente e na maior brevidade posíbel a praza de pediatra dos centros de saúde de Moraña e Cuntis".
Nesta proposición, formúlanse varias preguntas. Entre elas: que medidas vai adoptar o Goberno galego para cubrir de xeito permanente e con horario completo a praza de pediatra dos centros de saúde de Moraña e Cuntis? ou, cando ten previsto a Xunta cubrir de maneira permanente esta praza?
Relacionadas:
-
Cuntis convoca unha xunta de portavoces para reclamar persoal para o seu centro de saúde
Por Redacción |
-
Moraña mellora a estética de vinte emprazamentos turísticos e patrimoniais do municipio
Por Redacción |
-
A xerencia da área Sanitaria defende que se manterá a atención pediátrica en Cuntis e Moraña
Por Redacción |
-
Cuntis e Moraña volverán ter pediatra cando o Sergas o atope
Por Redacción |
-
Convocan unha concentración para reclamar a reposición do servizo de pediatría en Moraña
Por Redacción |
-
Cuntis volve quedar sen pediatra e pide celeridade ao Sergas para recuperar o servizo
Por Redacción |