Unha sentenza do TSXG ordena o derrubamento de 52 chalés no Grove e a Xunta afirma que "cumplirémola"
Por Redacción
O futuro dos 52 chalés da urbanización de Raeiros (O Grove) volve a pender dun fío. Unha nova sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ordena o seu derrubamento. Revógase, segundo recolle Faro de Vigo, a sentenza do Xulgado Contencioso Administrativo número 2 de Pontevedra que en xuño de 2012 estimara o recurso da promotora contra a orde de demolición que dictou a Xunta en marzo de 2010.
Ante esta nova sentenza, o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, explicou que a Xunta pretende "cumprir literal" a orde do TSXG, un documento que está analizando e sobre o que solicitou un dictame á asesoría xurídica da Xunta, ao entender que precisa "unha interpretación".
O conselleiro apuntou que "o construído nese ámbito coincide co licenciado", pero "o matiz importante é que o uso non é o licenciado", xa que recordou que o permiso orixinal era para apartoteis, pero finalmente construíronse chalés unifamiliares.
"Temos que contar con esa interpretación para proceder en consecuencia e cumprir a sentenza", concluíu Agustín Hernández.
A constructora destes chalés, Inproin Galicia SL, esperaba liquidar a sentenza de Tribunal Supremo, que obrigaba a cumprir a licenza inicial pero non ordenaba a derriba, anulando a división horizontal do terreo, recuperando a titularidad da finca e reconvertendo as casas particulares en apartoteis de aluguer. Queda por ver se esta solución sería suficiente para evitar o temido derrubamento.