O Sergas cita a 2.000 vilagarciáns de 20 a 29 anos para un cribado en Fexdega
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A escalada de casos de covid-19 que se está producindo en Vilagarcía teñen a súa orixe en celebracións familiares. Así llo confirmaron responsables do Sergas ao alcalde Alberto Varela, ao que lle trasladaron unha mensaxe de tranquilidade porque este tipo de brotes son máis fáciles de seguir e controlar. Para facelo, Sanidade levará a cabo entre o martes e o mércores en Fexdega un cribado ao que están citadas 2.000 persoas de 20 a 29 anos.
Este xoves as cifras de casos activos en Vilagarcía eleváronse ata os 51, 15 máis que a xornada anterior, que xa sumara 12 máis respecto ao martes. Un ascenso que confirma a tendencia á alza, polo que as autoridades sanitarias decidiron tomar medidas para conter o avance dos contagios.
Polo momento, Sanidade non estableceu maiores restricións para Vilagarcía, pero todo dependerá de como evolucione a situación. Pola súa banda, o alcalde apela unha vez máis, á responsabilidade da cidadanía e pide a todas as persoas citadas ao cribado acudan sen falta a realizar a proba, porque a detección precoz de casos, especialmente de persoas asintomáticas, é esencial.
Pide tamén Varela prudencia a toda a poboación, especialmente aos máis novos e os que non están aínda vacinados, que son os que están a rexistrar actualmente a maior incidencia da enfermidade e dos contagios.
Doutra banda, informan desde o Sergas que no Concello de Vilanova levará a cabo un cribado o luns 5 de xullo ao que están citadas 1.000 persoas con idades comprendidas entre 30 e 39 anos no pavillón municipal de Vilanova.