O Concello saca a licitación o proxecto de recuperación da contorna de Lameiriña e Caneliñas
Por Redacción
A Xunta de Goberno Local do Concello de Poio vén de aprobar o inicio do proceso de licitación do proxecto de recuperación da contorna da Rúa Lameiriña e de Caneliñas, na parroquia de Raxó, cun orzamento que roldará os 400.000 euros.
Trátase dunha actuación que serve para mellorar de xeito notable o proxecto contemplado inicialmente para a Rúa Lameiriña, que debía executar a anterior adxudicataria, Nexia Infraestruturas. Logo do cese repentino da actividade desta empresa, o Concello aproveitou a necesidade de ter que volver a reiniciar o proceso de licitación para mellorar e ampliar o proxecto.
A obra será financiada a través do Plan Concellos 2021, impulsado pola Deputación de Pontevedra, tal e como apunta a titular de Obras e Servizos e tenente de alcalde, a socialista Chelo Besada.
Tal e como consta no proxecto, esta actuación estenderase ao longo dos 604 metros que cobren a Rúa Lameiriña, Praza Lameiriña, Rúa Caneliñas e un dos ramais que conectan a contorna coa Avenida da Toxa, xa na estrada PO-308. As obras consistirán na humanización desta zona, que pasará a contar cunha nova superficie de empedrado.
"Agardaremos á finalización da tempada estival para o comezo das obras"
O proxecto contempla, asemade, melloras da rede de servizos como o abastecemento e a instalación de dez bocas de rego. O prazo de execución estimado para completar estes traballos será de sete meses. Besada adianta que probablemente será preciso efectuar cortes de tráfico puntuais para garantir o desenvolvemento das tarefas. A tenente de alcalde sinala que "agardaremos á finalización da tempada estival para o comezo das obras, para que non interfiran co día a día da veciñanza e dos turistas no verán".
O proxecto segue a filosofía pola que aposta o Concello á hora de humanizar e mellorar os núcleos tradicionais, polo que garante que a actuación será totalmente respectuosa na contorna, que se atopa nunha zona onde existen varias vivendas e muros de mampostería de pedra. As obras tamén redundarán na mellora da seguridade viaria, grazas á dotación dunha plataforma única, e na accesibilidade.
Relacionadas:
-
Entra na fase definitiva a mellora integral de Lameiriña e Caneliñas
Por Redacción |
-
A recuperación de Lameiriña e Caneliñas, en Raxó, estará rematada antes do verán
Por Redacción |
-
A mellora de Lameiriña e Caneliñas, en Raxó, estará rematada en seis meses
Por Redacción |
-
Poio destinará máis de 700.000 euros en obras de humanización e recuperación de núcleos tradicionais
Por Redacción |
-
A recuperación da contorna de Lameiriña e Caneliñas custará preto de 400.000 euros
Por Redacción |