O goberno da Deputación celebrará o venres cun acto público os seus seis anos de mandato
Por Redacción
A explanada exterior do Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra, na avenida de Montero Ríos, acollerá o vindeiro venres, 9 de xuño, un acto público do goberno provincial de "rendición de contas ante a cidadanía" cando se compren seis anos ao fronte da institución e no "ecuador" do segundo mandato.
O goberno provincial fará balance destes seis anos da man da presidenta Carmela Silva e do vicepresidente César Mosquera nun acto, que comezará ás 12.00 horas, ao que están convocados alcaldes e alcaldesas dos concellos da provincia e asociacións e colectivos de todos os eidos.
O actual goberno de progreso da Deputación de Pontevedra, formado polos grupos do PSdeG-PSOE e do BNG tomou posesión o 17 de xullo de 2015 abrindo unha nova etapa política despois de ducias de anos nos que a institución provincial estivo dirixida por gobernos de dereitas.
Segundo adianta o Goberno provincial, o mandato foi revalidado fai agora dous anos nos que o executivo, aínda condicionado pola pandemia da Covid, "deu novos pasos cara á consolidación dos eixos da dixitalización, a cohesión territorial, a transición ecolóxica e a igualdade, coa folla de ruta da Axenda 2030 e co investimento público como a principal ferramenta para a recuperación da provincia".