O pleno aproba unha moción a favor da igualdade e da visibilización do colectivo LGTBI
Por Redacción
O pleno ordinario de xuño aprobaba co apoio unánime da corporación unha moción promovida por Avante Poio na que se defenden os dereitos das persoas lesbianas, gais, transexuais e bisexuais.
Na moción solicítanse actuacións ao Goberno central e á Xunta de Galicia para que se ofreza visibilidade e deféndase ao colectivo LGTBI. No documento, o Concello de Poio tamén se compromete a traballar para erradicar as condutas homofóbicas, bifóbicas e transfóbicas, ademais de reprobar as desigualdades, discriminacións e actos de violencia que continúan sufrindo as persoas pertencentes ao colectivo.
Silvia Díaz, concelleira de Igualdade, defendía a moción lembrando que os goberno municipais están obrigados a contribuír decididamente a visibilizar as reivindicacións destas persoas e favorecer a normalización da diversidade sexual, traballando pola supresión de prexuízos retrógrados e LGTBIfóbicos, "perpetuados tradicionalmente polo heteropatriarcado".
Lembrou tamén que desde o luns, con motivo da celebración do Día Internacional do Orgullo LGTBI, atópase colgada a bandeira deste movemento no balcón do Concello e manterase ata que finalice a semana.
Ademais na proposta plenaria solicítase ao Goberno central que impulse unha axenda estatal que aplique as recomendacións establecidas pola Comisión Europea na súa primeira Estratexia de Igualdade LGBTIQ 2020-2025. Silvia Díaz sinalaba que o Estado debe aprobar a lei para a igualdade real e efectiva das persoas trans, recollendo as demandas hist´ roicas deste colectivo.
Á Xunta, os catro partidos con representación na corporación municipal, reclámanlle difusión dos informes do Observatorio Galego contra a Discriminación por Orientación sexual e Identidade de xénero. Este organismo foi creado en 2018 para analizar os principais problemas das persoas pertencentes a este movemento. Tamén se demandan campañas de respecto á diversidade entre a cidadanía e nos centros educativos para evitar a discriminación das persoas LGTBI.