Un colgante Kalipay para enviar solidariedade pontevedresa a Filipinas
Por Redacción
A solidariedade pontevedresa chegará á fundación Kalipay Negrense Foundation, que traballa polas causas dos nenos desfavorecidos na rexión de Negros Occidental, ao sur de Filipinas. Será a través da pontevedresa Loli Beloso, que este martes aproveitou a clausura da exposición 'Aloumiños de Mimina' en Tomeza para presentar o seu novo colgante Kalipay, bautizado como homenaxe a esta asociación.
O colgante Kalipay está pensado para os berces dos bebés e o diñeiro recadado da súa venda destinarase á fundación, que desde o ano 2007 rescatou a máis de 400 nenos, brindándolles un refuxio, educación, atención médica e asesoramento psicolóxico. Este martes presentouno o escultor de Bértola Eladio Martínez.
Loli Beloso móstrase moi sensibilizada co traballo desta entidade, que axuda aos nenos sen fogar, abandonados, desnutridos, vítimas do traballo e a explotación infantil, e os maltratados física e sexualmente.
A pontevedresa eloxia especialmente á súa impulsora, Anna Maria Claparols Balcells, nada e criada na illa de Negros Occidental, pero que se mudou a Barcelona, a terra do seu pai, para continuar os seus estudos. Ao chegar a España, decidiu empezar a colaborar con organizacións en contra da pobreza en Filipinas e, despois de 20 anos en Barcelona e 8 anos en Manila, onde se estableceu profesionalmente no campo do turismo e a hostalería, regresou ao seu lugar de nacemento e construíu unha aldea de vivendas en Talisay, Negros Occidental e fundou Kalipay Negrense Foundation.
Beloso presentou este colar ao mesmo tempo que clausurou a exposición en homenaxe a Carmen Arias de Castro Montero, Mimina, compañeira do intelectual Isaac Díaz Pardo e peza fundamental no proxecto da Fábrica de Cerámica do Castro e de Sargadelos. A mostra inaugurouse en abril con motivo do centenario do seu nacemento e para destacar as súas facetas como debuxante ou deseñadora de xoias.
Tras máis de dous meses aberta ao público, a exposición resultou un éxito e clausurouse este martes 29 de xuño nunha data moi sinalada, o aniversario da unión entre Diaz Pardo e Carmen Arias.
O acto de clausura contou coa presenza do escultor José Molares, autor do busto de Diaz Pardo situado ante a facultade de Belas Artes de Pontevedra.
Tamén acudiu Valentina Garcia Abalo, que entregou a Loli Beloso unha talla sobre Díaz Pardo en madeira. Trátase dunha talla que segue a mesma liña da xa realizada sobre ' Minina'.
O acto contou coa actuación do dúo Aser.
Relacionadas:
-
Tomeza lembra a Carmen Arias, Minina, no seu 102 aniversario
Por Redacción |
-
'Lazos de agarimo' que irán de Tomeza a Nicaragua e Filipinas
Por Redacción |
-
Festa solidaria en Tomeza en favor da Fundación de Medicina Xenómica
Por Redacción |
-
O deseñador Franco Quintáns e as xoierías de Pontevedra renden homenaxe a Carmen Arias, 'Minina'
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Xoias solidarias que axudan a loitar contra o cancro mentres homenaxean a Carmen Arias, Mimina
Por Redacción |
-
Pontevedra lembra a Carmen Arias, Mimina, "a xoia máis marabillosa de Isaac Diaz Pardo e Galicia"
Por Natalia Puga |
-
O alumnado do CEIP As Covas-Meaño coñece polo 8M o traballo de mulleres doutras épocas
Por Isabel Feijóo Gallardo |
-
A pontevedresa Loli Beloso logra que a cidade arxentina de Magdalena homenaxee a Isaac Díaz Pardo co nome dunha rúa
Por Redacción |