A APDR denunciará á Xunta no caso de que prorrogue a autorización ambiental de Elnosa
Por Redacción
Tras a denuncia presentada contra Ence polos escapes producidos no mes de agosto, a Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra podería sumar unha segunda. Desta vez contra a Xunta de Galicia. Así o anuncia o colectivo ecoloxista. Aseguran que no caso de que o goberno galego prorrogue a autorización ambiental a Elnosa, actuarán xudicialmente contra eles.
Según a APDR e dacordo coas recentes declaracións feitas tanto pola empresa Elnosa como polos responsables da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, "o goberno galego está a negociar coa electroquímica o futuro da fábrica en Lourizán", e aínda que a Xunta non confirmou a data, todo indica, segundo esta asociación, que será o próximo día 11 cando se formalice o posible acordo.
Diante desta situación, a APDR quere lembrar que a autorización ambiental integrada da electroquímica Elnosa renovada o ano 2011 pola Xunta de Galicia, "establece no apartado 8 do Anexo VII a data do 6 de xaneiro de 2014 como a do fin improrrogable da súa actividade industrial en Lourizán, polo que calquera acordo que contemple a continuidade neste emprazamento mais alá desa data suporía unha evidente transgresión da legalidade".
"Calquera acordo que contemple a continuidade neste emprazamento mais alá de 2014 suporía unha evidente transgresión da legalidade", di APDR
Neste sentido, a APDR está a estudar se é posible tipificar como delito a concesión dunha prórroga a Elnosa, prórroga anunciada polo conselleiro de Medio Ambiente en días pasados, "que pretendía xustificar a permanencia ate o 2018 por ser esta a data fixada na Lei de Costas de 1988 como o ano no que rematan as concesións en dominio público". Isto demostra, unha vez máis, sinala APDR "a connivencia existente entre a Xunta e as empresas contaminantes de Lourizán".
A Asociación Pola Defensa da Ría presentou hai uns días un escrito de alegacións diante da Consellería de Medio Ambiente contra a solicitude de Elnosa de eliminación da AAI de "calquera referencia, directa ou implícita, ao cese da actividade o 6 de xaneiro de 2014", unha solicitude que pretenden xustificar no texto da nova Lei 5/2013 e que suporía, entre outras cousas, a supresión do apartado da AAI antes citado.
Para a APDR, contrariamente ao defendido por Elnosa, a modificación da lei que regula a concesión das AAI, non altera a motivación existente para a Administración no que fai á obriga de fixar a data do fin da actividade de Elnosa en Lourizán no 6 de xaneiro de 2014, baseada na necesidade de dar cumprimento a unha directiva europea que fixa o límite cero de emisión de mercurio para as fábricas do sector nesa data.
Relacionadas:
-
ENCE presume da derrota da APDR nos tribunais por segunda vez en tres anos
Por Redacción |
-
O TSXG tomba a prórroga da autorización ambiental de Elnosa e confirma a de ENCE
Por Natalia Puga |
-
Ence solicita oficialmente unha prórroga para seguir en Lourizán máis alá do 2018
Por Oskar Viéitez |
-
Os socialistas alertan de que Elnosa podería acollerse á nova Lei de Costas para ampliar a concesión 75 anos mais
Por Redacción |
-
Os traballadores de Elnosa, seguros da súa continuidade na ría, esixen á Xunta e á empresa que conserven o persoal actual
Por Anxo Lourido |
-
A APDR denuncia a ENCE no xulgado polos escapes producidos o pasado mes de agosto
Por Redacción |
-
Agustín Hernández recoñece que "cambios na lexislación" abren a porta á continuidade de ENCE e de Elnosa
Por Redacción |