Poio readáptase ás restricións
Por Diego Espiño
O Concello de Poio amenceu este sábado 26 de xuño no nivel medio de restricións, tal e como decidiu na súa última reunión o Comité Clínico da Consellería de Sanidade.
Aínda que a primeira ollada isto non supoña cambios en moitos aspectos, coa mobilidade permitida e este sábado ata sen a necesidade de portar máscara en espazos abertos se se mantén a distancia de seguridade, o certo é que son varias as restricións que se implementaron.
Unha das máis visibles é a redución de aforos nos locais de hostalería, que pasou a ser do 30% no interior e do 50% nas terrazas.
Ademais o aforo nas instalacións deportivas, bibliotecas e centros culturais queda reducido tamén ao 30%.
En canto ás reunións, permítense encontros de ata 6 persoas en espazos pechados e de quince ao aire libre.
Segundo os datos trasladados este 26 de xuño polo Concello, Poio conta actualmente con 30 casos activos de covid no municipio, o que supón un incremento de tres con respecto ao venres.