Catro roteiros temáticos descubrirán os tesouros do rural pontevedrés
Por Redacción
Catro roteiros temáticos que se desenvolverán entre o 12 de outubro e o 2 de novembro permitirán aos pontevedreses "poder descubrir todos os recursos e tesouros do rural". Trátase dunha iniciativa do Concello de Pontevedra que se desenvolverá nas mañás dos sábados e permitirá percorrer as parroquias de Salcedo, Tomeza, Marcón, Ponte Sampaio e Lérez.
O concelleiro de Patrimonio, Luis Bará, presentou este martes os catro roteiros, dos que explicou que son unha "continuidade con respecto aos roteiros temáticos urbanos" que se desenvolveron o pasado inverno, pero, neste caso, encamiñado a dar a coñecer as parroquias do rural, as grandes descoñecidas do municipio.
Por cuestións operativas non se poderá dar cobertura ás 15 parroquias de Pontevedra, así que este outono empezarán por cinco delas. Malia ser cinco, distribuiranse en catro días porque Marcón e Tomeza están planeados nun mesmo día.
Todas se desenvolverán a partir das 10.00 horas e teñen unha duración de entre tres e catro horas e entre seis e dez quilómetros, isto é, un percorrido de dificultade media. Serán gratuítas e sen inscrición previa e todas as persoas que queiran participar e non saiban como chegar á parroquia en cuestión poderase dar cita media hora antes na estación de autobuses.
As rutas serán temáticas e cada unha centrarase na particularidades da zona a percorrer. O 12 de outubro será a primeira, na parroquia de Salcedo, e a súa temática é o "Roteiro das Mouras". Ao longo de seis quilómetros centrarase nas lendas da parroquia e percorrerá os muíños do Batán e Outeiro, o Castro das Croas, os petroglifos da Esculca e o Outeiro das Mouras.
O 19 de outubro será a quenda de descubrir Marcón e Tomeza a través do "Roteiro dos miradoiros", unha ruta de 10 quilómetros percorrerá a casa-pazo de Lusquiños, o castro de San Cibrán, as Covas dos Canteiros, Os Canleiros e A Fracha.
O 26 de outubro celebrarase por Ponte Sampaio o "Roteiro das pontes e dos camiños hocos", unha ruta de oito quilómetros que incluirá a ponte medieval, a illa da Insuiña, a vía romana XIX, o Camiño Portugúes e o Monte do Castro.
A actividade finalizará o 2 de novembro co "Roteiro da Auga" de Lérez, que percorrerá ao longo de seis quilómetros puntos de interese como o acueduto do mosteiro de San Bieito, o lavadoiro de Remiserio, os pozos de regar de Cabaleiro, a depuradora de Couso ou o depósito de Cimbelo.
Bará define estas rutas como "delicatessen de patrimonio que imos degustar" e adiantou que no mes de novembro se repetirá o Ciclo de Patrimonio Funerario que xa se celebrou o inverno pasado. Durante os sábados 9, 16 e 23 haberá percorridos organizados por San Amaro, Mourente-Bora e os cemiterios megalíticos.