Piden 24 anos de cárcere para un home por tentar matar a súa ex muller e o seu fillo tras un divorcio
Por Redacción
Un home sentará o vindeiro martes 29 de xuño no banco dos acusados da Audiencia de Pontevedra procesado por tentar matar á súa ex muller e ao seu fillo tras o divorcio da parella.
A Fiscalía considérao autor de tres delitos: un de asasinato en grao de tentativa, uno delito de homicidio en grao de tentativa e un terceiro de quebrantamento de condena, xa que tiña vixente unha orde de afastamento sobre a súa ex muller. Por todos eles, pide á sección cuarta da Audiencia Provincial que sexa condenado a 24 anos de cárcere.
Ademais da pena de cárcere, a Fiscalía solicita que se lle impoña ao acusado unha orde de afastamento, superior ao período en prisión en oito e nove anos respectivamente, sobre o seu fillo e a súa ex esposa, e que lles indemnice con 65.500 euros en total -50.000 para a muller e 15.500 para o fillo-.
Os feitos ocorreron en xaneiro de 2020 no partido xudicial de Ponteareas durante o proceso de divorcio da parella. Días antes, un xulgado de Pontevedra condenou ao agora acusado por ameazas no ámbito da violencia de xénero.
Días despois, celebrouse a vista polo divorcio da parella, que chegou a acordo para que o domicilio conxugal fose usado de maneira alternativa seis meses cada un, empezando pola muller, á que o acusado ademais non podía achegarse a menos de 100 metros.
Esa mesma tarde na que se asinou o divorcio, o acusado presentouse na vivenda na que estaba a súa muller e o seu fillo, "con plena consciencia da prohibición que tiña de ir ao domicilio que fora o familiar" e co propósito de atacar á súa ex muller.
O home, que segundo o fiscal "nunca chegou a aceptar o fin do seu matrimonio", escondeuse nun anexo á casa.
A continuación, utilizando un obxecto contundente de ferro, golpeou á vítima na cabeza e a muller, "que non tivo ningunha oportunidade de defenderse ou fuxir do ataque", caeu inerte ao chan, onde seguiu golpeándoa reiteradamente.
O fillo da parella, que non se decatou da presenza do seu pai ata o momento da agresión, colleu unhas tesoiras para defender á súa nai e o seu pai "coa intención de matalo" golpeouno tamén na cabeza coa barra de ferro.
Tras esta agresión, o mozo puido saír á rúa e pedir auxilio, momento que o acusado aproveitou para fuxir do lugar.