Cortes de tráfico e limitación de estacionamento este domingo pola Copa de España Féminas de Ciclismo
Por Redacción
Este domingo 27 de xuño, Pontevedra acolle a celebración da proba deportiva da Copa de España Féminas de Ciclismo. Este campionato obriga a efectuar cortes de tráfico e limitación de estacionamento en determinadas zonas do centro urbano, segundo informan desde o Concello de Pontevedra.
A Policía Local deseñou un operativo de tráfico para facilitar a mobilidade durante esa xornada. A zona a avenida de Corbaceiras e a avenida de Uruguai, en sentido de tráfico de Pontevedra cara a Marín, quedará pechada ao tráfico ordinario ás 22.00 horas do sábado 26, mentres que o resto do circuíto pecharase a partir das 08.00 horas do domingo.
Ese resto do circuíto contén tamén a avenida de Corbaceiras, en sentido de Marín a Pontevedra; a avenida de Marín, a PO-11 e a PO-12 (coñecida popularmente como a autovía de Marín), ademais da avenida de Marín ao seu paso por Estribela. Este percorrido quedará pechado á circulación desde as 08.00 ata as 16.00 horas aproximadamente do domingo. Segundo informa a Policía Local, o peche tamén afecta a rúas que teñen orixe ou destino nestas vías afectadas tanto na contorna de San Roque como da zona de Beiramar.
Desde a Xefatura da Policía Local recomenda como alternativa para saír en vehículo da cidade durante a xornada do domingo a utilización da autoestrada AP-9 para dirixirse á contorna das praias de Poio ou tamén a circulación pola rúa Domingo Fontán, a través da ponte de Santiago ou da ponte das Correntes.