A renovación do parque infantil da pasarela permitirá ampliar a zona de xogos
Por Redacción
O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, visitou este xoves a rúa 12 de Novembro para supervisar as obras de restauración do parque infantil da pasarela.
Acompañado polo xefe do servizo municipal de parques e xardíns, Manuel Fontán, Puentes comprobou como os operarios de Lappset España traballan na renovación do pavimento e os elementos de xogo nesta primeira fase das obras.
A última modificación de crédito impulsada polo Concello permitiu duplicar a achega económica situándoa en máis de 40.000 euros. Algo que se traducirá nunha ampliación da actual zona de xogos.
Como no resto das zonas de lecer infantís da cidade, esta actuación está tamén orientada a alcanzar a certificación da Entidade Nacional de Acreditación (ENAC) en materia de seguridade para o parque da pasarela.
"O pavimento desta zona de lecer atopábase realmente deteriorado polo seu uso intensivo e coas obras en marcha puidemos non só restauralo, senón mellorar as súas condicións de amortecemento dos impactos e caídas e, en consecuencia, a seguridade e integridade dos nenos", explicou o concelleiro.
Esta intervención contempla a retirada de todo o chan, a limpeza do recheo e o acondicionamento da base para implantar o novo pavimento de seguridade. Os elementos de xogo tamén están a ser restaurados.