Larriba ofrece á Fundación Secretariado Xitano programas de prevención de violencia machista
Por Redacción
Maica Larriba, subdelegada do Goberno, recibía este xoves a María José Obelleiro, coordinadora da Fundación Secretariado Xitano en Pontevedra, e tamén á mediadora intercultural desta organización, Rebeca Flórez. Tamén asistiu Manuela Vilaboy, responsable da Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación.
Durante este encontro, a subdelegada coñecía de primeira man os programas que desenvolven desde este colectivo e, en concreto, os que están destinados ás mulleres. Maica Larriba informou ás representantes da fundación sobre os recursos que se atopan ao dispor das entidades para traballar con mulleres vítimas de violencia de xénero.
A responsable da Unidade contra a Violencia de Xénero púxose ao dispor da fundación tamén para colaborar nos programas relacionados coa violencia machista e as súas vítimas que se queiran executar neste colectivo. Maica Larriba tamén tratou a proposta de lei integral para a igualdade de trato e a non discriminación que o Goberno central presentaba no Congreso en xaneiro.
A Fundación Secretariado Xitano traballa na promoción integral da comunidade xitana. Conta con sete sedes en Galicia, dúas delas na provincia. Ofrece programas para integrar laboralmente aos seus usuarios e promover a escolarización de menores, ademais de loitar contra a pobreza e a igualdade efectiva entre homes e mulleres.