Instalan bucles magnéticos nas dependencias municipais para as persoas con diversidade sensorial
Por Redacción & Mónica Patxot
Contribuír a que as persoas con diversidade sensorial poidan facer calquera tipo de trámite diante do Concello. É o que busca a instalación de bucles magnéticos no rexistro municipal, situado no edificio de Michelena 30, e no Chalé de Fontoira, sede dos Servizos Sociais.
Estes dispositivos facilitan a atención a persoas que teñen perda de audición, con ou sen prótese auditiva. O bucle magnético é un sistema de son que transforma o audio nun campo magnético captado polos audífonos e implantes cocleares dotados de posición T.
Estas próteses teñen unha bobina que transforma o campo magnético novamente en son illado de reverberacións e ruído ambiente, o que permite ao seu usuario recibir un son limpo, nítido e cun volume axeitado.
O novo servizo foi presentado esta mañá polo edil de Benestar Social, Marcos Rey; o tenente de alcalde, Tino Fernández; a presidenta da Asociación da Organización de Diversidade Sensorial de Galicia (Xoga), María Jesús Monterde; a vogal do colectivo Pilar Iglesias (que estreou o aparello), e unha intérprete de lingua de signos.
A intención do Concello é estender "a todos ou a meirande parte" dos edificios públicos municipais estes aparellos portátiles, cuxa presencia e dispoñibilidade está indicada por uns letreiros informativos, segundo Marcos Rey.
María Jesús Monterde explicou que estes bucles magnéticos portátiles ou bucles de indución móbil son uns dispositivos profesionais que se poden utilizar amplamente en edificios públicos, oficinas, tendas de venda ao público, vehículos e outras salas "nas que sexa necesario entrar en contacto con persoas que teñen problemas de audición".
Calcula que este servizo ten entre 8.000 e 9.000 beneficiarios potenciais só en Pontevedra, xa que "hai moitas persoas con perda auditiva que teñen problemas para escoitar aos funcionarios cando hai outra xente falando".